O Concello inviste 123.000 euros en dous proxectos de obras en Sillobre e Barallobre
06-10-2022
O Concello ten en marcha ou a piques de iniciarse outros catro proxectos relacionados coa mellora viaria e dos servizos básicos por valor de 442.892 euros
O Concello de Fene acaba de rematar dúas obras relacionadas con servizos básicos executadas nas parroquias de Sillobre e Barallobre. Dunha banda, en Sillobre levouse a cabo a mellora do pavimento e a instalación das canalizacións soterradas de auga e sumidoiros no Camiño do Ortel, nas que se investiron 63.162 euros e, doutra, a ampliación das redes de abastecemento e saneamento nos camiños dos Loureiros, o Catalán e a Vrea, en Barallobre, ás que se destinarán outros 60.325 euros. As obras, recepcionadas nestes días, contan con financiamento do POS+ e non son as únicas que están en marcha ou a piques de comezar no territorio. De feito, este outono promete ser de grande actividade en distintos puntos de Fene coa execución inminente doutros catro proxectos de infraestruturas por un valor global cercano aos 443.000 euros.
O proxecto executado no Camiño do Ortel foi recepcionado hoxe mesmo polo Concello tras a conclusión das obras o pasado 20 de setembro. Os traballos serviron para ampliar a rede de sumidoiros para conectalos co colector xeral de Doutor Sixto Mauriz e tamén para levar a auga municipal aos domicilios situados en ambas marxes da pista. Neste sentido soterráronse 245 metros de tubaxes cos correspondentes rexistros e unha boca de rega con posibilidade de ser empregada como punto de captación para od servizos de limpeza ou para os de extinción de incendios.
A obra finalizou renovando con aglomerado o firme de todo este eixo viario que enlaza o camiño de Orra coa principal avenida de Sillobre, aproveitando para iso todo o ancho útil dispoñible e deixando tubaxes e sumidoiros para drenar a auga da choiva.
Os traballos contan con financiamento do POS+ provincial 2021 e fóronlle adxudicados en 63.162 euros á construtora González y González S.L.
Abastecemento e saneamento nos camiños dos Loureiros, o Catalán e a Vrea
O segundo proxecto, recepcionado polo Concello onte mesmo e executado en Barallobre por SYR-AMG S.L., consistiu na extensión de 1,1 km de tubaxes nos lugares do Camiño do Catalán e dos Loureiros, de cara a conectalos coa rede xeral do abastecemento municipal.
A obra incluiu a escavación de gabias -todas elas en terreo público-, o soterrado das conducións, a instalación de válvulas que xa permiten seccionar a subministración no caso de avarías e, por último, a reposición do firme. Ao cabo da intervención a rede quedou lista para a conexión ao servizo un total de 13 vivendas de ambos núcleos.
Dentro do mesmo proxecto -adxudicado en 60.325,62 euros, IVE incluído- tamén se ampliou o saneamento ao longo de 161 metros do camiño da Vrea que carecían do servizo. Neste caso a infraestrutura beneficia a dous domicilios e no futuro permitiría a conexión de oito novas vivendas unifamiliares susceptibles de seren construídas a un lado e outro dese eixo viario.
Outras actuacións en marcha ou de comezo inminente
Ademais destes proxectos de mellora viaria e servizos básicos xa rematados, o Concello ten adxudicados outros catro que ou ben están nos seus momentos iniciais ou ben van comezar de maneira inminente, co obxectivo de completalos ao longo do outono.
Son a mellora de pistas en Marraxón e entre o Ameneiro e a Curveira -financiadas dentro do Plan Marco de Camiños da AGADER-; o saneamento da subida á Lagarteira, Orra e Rañoa; o abastecemento na Calzada, Arriba, O Revolto, Covelo e A Lagarteira e a mellora dos accesos ao polígono do Vilar do Colo. O investimento conxunto destas catro actuacións alcanzará os 442.892 euros.