A actividade, promovida pola Concellaría de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade, ofrece formación para mellorar a convivencia familiar e a educación das fillas e fillos
21 familias participan no programa "Educando en familia"
10-10-2022
Esta semana botou a andar o programa "Educando en familia" organizado pola Concellaría de Servizos Sociais de Fene. A través de encontros semanais guiados pola terapeuta Virginia Castro, as 21 familias participantes terán a oportunidade de aprender de aquí a xuño distintas técnicas relacionadas coa xestión de conflitos e a educación emocional, pero tamén recomendacións sobre pautas e límites que se deben marcar no núcleo familiar co obxectivo de establecer relacións de confianza que favorezan o correcto desenvolvemento durante a etapa infantil e a adolescencia.
Servizos Sociais dividiu a actividade en dous grupos, un os martes de 16:30 a 18:00h e outro os venres entre as 9:30 e as 11:00h., coa finalidade de que as persoas participantes puidesen conciliar a asistencia co traballo ou outras obrigas.
Durante esa hora e media semanal, a terapeuta Virginia Castro estrutura as sesións dedicando un tempo a fomentar o intercambio de pareceres e experiencias sobre un tema proposto, ademais de achegar consellos profesionais de utilidade para as familias.
Tal e como explica a concelleira de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade, Mari Carme Martínez, no programa que agora comeza abordarase "toda aquela problemática que poida xurdir na convivencia familiar, desde conflitos entre pais e fillos, conflitos entre pais e nais, educación emocional, educación sexual, prevención de adiccións, pautas e axuda nos estudos, etc.".
Martínez engade que os encontros "son moi dinámicos e participativos" e destaca o feito de que as familias "poidan compartir un tempo para aprender unhas das outras e contar con asesoramento especializado". Ademais, pouco antes do remate de cada xuntanza semanal, a terapeuta tamén ofrece un tempo de titoría "para facer consultas particulares sobre dúbidas ou situacións que poidan ter", precisa a concelleira.
"Educando en familia" comezou o ano pasado como proxecto piloto que "tivo moita aceptación" entre as persoas participantes, motivo polo que este ano se cubriron rapidamente as prazas ofertadas para os dous grupos "e temos xente en lista de agarda". Segundo comenta a titular de Servizos Sociais, a convocatoria lanzouse "pensando en todo tipo de familias interesadas en mellorar a educación e a relación coas súas fillas e fillos e, nun sentido máis amplo, en crear un ambiente que favoreza o seu desenvolvemento como persoas e que mellore tamén a convivencia no fogar".
A iniciativa botou a andar esta mesma semana e proseguirá ata o mes de xuño. Nela participan 21 familias, 10 na quenda dos martes á tarde e 11 na dos venres pola mañá, mentres que outras sete están anotadas na lista de agarda por se se producisen baixas en calquera dos dous grupos nas próximas semanas.