Esta foi unha das principais peticións que se lle expuxeron ao Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, na súa visita institucional a Fene.
O Concello de Fene demanda do Goberno do Estado a humanización da N-VI ao seu paso pola zona urbana
No encontro tamén se falou, entre outros asuntos, das distintas axudas convocadas polo Estado para municipios e particulares ou do proxecto de paso elevado sobre a vía do tren en Perlío
25-10-2022
O Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones Conde, fixo esta mañá unha visita institucional ao Concello de Fene para expresar "o compromiso do Goberno coas infraestruturas e programas en marcha", sobre todo aqueles relacionados co Plan Único do Ministerio de Asuntos Económicos, que prevén ampliar a banda larga a 1.300 fogares e empresas fenesas, ou as axudas do Programa PIREP para a rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética de edificios públicos, ao que Fene solicitou acollerse cun proxecto no Pavillón da Xunqueira cuantificado en 1,6 millóns de euros. O Delegado do Goberno, comentou ademais con Juventino Trigo o investimento previsto na Casa Cuartel da Garda Civil e outras liñas de axuda dirixidas a municipios e particulares.
Porén, na segunda metade da visita, o executivo fenés tamén lle formulou a Miñones varias peticións. As máis destacadas foron a de que Fomento "humanice" o acceso ao núcleo principal de Fene pola nacional VI, que ADIF incremente o financiamento para o paso elevado sobre as vías do tren en Perlío e, por último, que se explore a posibilidade de que a Entidade Estatal do Solo (SEPES) lle ceda ao consistorio varias parcelas nas inmediacións do Centro de Saúde en compensación pola débeda que este organismo ten co Concello en concepto de participación nas vendas de chan industrial en Vilar do Colo, que ascenden segundo a contabilidade municipal a máis de 420.000 euros.
Durante a xuntanza mantida con Juventino Trigo e outros membros do executivo local, o Delegado do Goberno destacou o programa de despregamento da banda larga que, segundo asegurou, ampliará a conexión de alta velocidade con distintas solucións técnicas a 1.300 fogares e empresas fenesas.
Neste sentido Miñones solicitou a colaboración municipal para recabar información das zonas sen cobertura, co obxectivo de que poidan incluírse en próximas convocatorias de despregamento financiadas polo Estado, vinculadas agora a referencias catastrais en vez de por núcleos de poboación.
En relación coa transición ecolóxica, José Miñones avanzou que proximamente o IDAE convocará liñas relacionadas co aforro enerxético dirixidas especificamente a potabilizadoras, estacións de bombeo e depuradoras, por ser estes os equipamentos cun maior consumo. Ademais tamén informou que este organismo estatal seguirá financiando envolventes térmicas e outras actuacións de eficiencia que serán compatibles cunha nova liña orientada ao desenvolvemento de plans de mobilidade.
No repaso das actuacións que o Estado prevé apoiar con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, o Delegado do Goberno tamén mencionou que en cuestión de semanas vai resolverse a convocatoria do programa PIREP, ao que Fene presentou un proxecto de 1,6 millóns de euros -arredor do 85% financiados polo Goberno e o 15% restante polo Concello- para diminuír nun 30% o gasto enerxético do Pavillón da Xunqueira. No encontro tamén se trataron as distintas achegas estatais relacionadas coa promoción e alugueiro de vivenda social, así como as dirixidas á rehabilitación, nas que tanto o Miñones como Trigo coincidiron en destacar o labor de intermediación e información que pode desempeñar o Concello como Administración máis próxima aos potenciais beneficiarios das axudas.
Trala xuntanza mantida na Alcaldía con Juventino Trigo, Mari Carmen Martínez, Justo Ardá, Manuel Polo e Sandra Permuy, o Delegado do Goberno asinou no Libro de Honra do Concello. Foi no salón de sesións, onde tamén estiveron presentes as concelleiras do PSOE Mar Piñeiro, Ana Basoa e Marta Pereiro.
Paso elevado en Perlío
Porén, ademais de comentar con Miñones convocatorias e liñas de axuda estatais, o Goberno local tamén lle expuxo varias demandas municipais, algunhas delas históricas. Juventino Trigo abordou co representante estatal a necesidade dunha maior participación económica de ADIF na solución que se vaia adoptar para o paso elevado sobre a vía do tren en Perlío.
A administradora das infraestruturas ferroviarias xa lle presentou ao Concello unha memoria valorada con varias alternativas -e orzamentos- para que este elixa a que mellor se axeite ás necesidades de comunicación entre Marqués de Figueroa e a zona do Cruceiro de Perlío que, en todo caso, pasarían por un financiamento 50-50 entre ADIF e o consistorio. Os deseños están sendo avaliados neste momento polos servizos técnicos municipais e desde o Concello solicitouse a mediación do Delegado do Goberno para que sexa ADIF quen corra coa maior parte dos custes da nova infraestrutura, que levará ascensor e unha pasarela.
Humanizar a N-VI desde Santa Ana ata o Cruce de Fene
O Executivo local tamén solicitou que o Ministerio de Fomento se ocupe de "humanizar" o tramo da Nacional VI comprendido entre Santa Ana e o cruzamento coa rúa da Fraga, ademais de acometer a mellora integral das beirarrúas na Avenida Naturais de Fene. Todo este eixo viario, ademais de varios metros a un e outro lado, son de titularidade estatal, o que complica tanto o desenvolvemento de obras e melloras que queira levar a cabo tanto a Administración local como a veciñanza.
A proposta municipal é que Fomento se encargue de acometer dous proxectos, un desde as curvas de Santa Ana "tipo bulevar ou outro que mellore a entrada principal ao noso concello", dixo Juventino Trigo, e outro que mellore a accesibilidade ao longo da avenida máis transitada do centro urbano ata chegar ao Cruce de Fene.
En relación coas infraestruturas viarias, desde o Goberno local tamén se instou a que o Estado valore a execución do proxecto da Ronda Oeste, incluído no Plan de Estradas de Galicia, que enlazaría o polígono do Vilar do Colo coa rotonda das Pías e que, segundo explicou Juventino Trigo, "desconxestionaría de tráfico pesado todo o centro urbano de Fene".
Cesión de terreos na Avenida Tarrío
A última grande cuestión tratada con Miñones foi a da débeda "de máis de 420.000 euros" que mantén a SEPES-Entidade Estatal do Solo co Concello de Fene en concepto de participación nos ingresos pola venda de parcelas industriais no polígono do Vilar do Colo.
Neste sentido o Goberno local recordoulle ao Delegado a proposta que xa se lle formulou á propia SEPES, na liña de que compense parte desa débeda cedendo varias parcelas que posúe nas inmediacións do Centro de Saúde fenés, todas elas cualificadas como equipamento dotacional, que o Concello tería intención de poñer a disposición da Xunta de Galicia para a construción dun novo centro médico.