O Concello de Fene ultima o acondicionamento do aparcadoiro provisional da rúa Lameiro
27-10-2022
En resposta a unha demanda do comercio local en relación coa mellora do aparcamento na zona urbana, o Goberno Municipal de Fene deu luz verde ao acondicionamento do aparcadoiro provisional da rúa Lameiro, en Perlío. A actuación, realizada pola brigada de Obras do Concello, consiste na limpeza da parcela, o aporte de material e posterior compactado para eliminar fochancas e ter unha superficie cunha rodadura óptima. Os traballos quedarán rematados esta mesma semana.
En palabras do alcalde de Fene, Juventino Trigo, con esta intervención "mellorará a calidade do aparcamento na zona comercial de Fene e Perlío amais de resolver o problema do estacionamento de vehículos da propia veciñanza". Neste senso, afirmou o primeiro rexedor, "cómpre agradecer á propiedade a colaboración coa veciñanza e o Concello, cedendo durante anos a parcela para aparcamento provisional". Coa chegada do inverno e a proximidade das festas do Nadal, "Fene debe contar con boas zonas de aparcamento para dar acollida a centos de persoas que acuden ao noso concello, tanto para realizar as súas compras como para participar nas diferentes actividades que aquí se desenvolven"