O proxecto Ártabro Inclusivo recibe o recoñecemento como mellor proxecto na categoría de Concellos entre os realizados no GALP Golfo Ártabro Norte
28-10-2022
O proxecto Ártabro Inclusivo recibiu o pasado xoves o recoñecemento como mellor proxecto na categoría de Concellos entre os realizados no GALP Golfo Ártabro Norte ao abeiro do programa FEMP 2014-2020 e difusión de boas prácticas. A iniciativa, impulsada polos Concellos de Fene, Narón e Ferrol e que ten como obxectivo retirar do mar plásticos e restos de madeiras para darlle unha nova vida a este material transformándoo en diversos obxectos, foi seleccionada xunto con outras por unha comisión da xunta directiva do GALP e votada maioritariamente nas redes sociais. O evento serviu para facer balance sobre todo o acontecido nesta etapa e tamén para poñer en valor o esforzo de todas as entidades, promotores e emprendedores que impulsaron iniciativas.
A entrega de recoñecementos -unha placa e un pequeno agasallo- organizouse á maneira dos galardóns cinematográficos coa xornalista Marta Docampo como presentadora, e foi moi ben acollida polas persoas asistentes pola súa esmerada preparación e orixinalidade. Foron o alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a técnica do Concello fenés María Belén Souto os encargados de recoller o premio, que ten como finalidade -como os do resto das categorías- darlle maior visibilidade ao proxecto.
Traballo en marcha
Por outra banda, Aspaneps e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, as dúas entidades beneficiarias de Ártabro Inclusivo, están xa a traballar coa maquinaria adquirida no marco desta iniciativa. No caso de Aspaneps mercáronse unha trituradora, unha inxectora e unha extrusora coas que as persoas usuarias van facer, entre outras cousas, regras, peites, maceteiros, medallas, mangos para raños e outros aparellos de marisqueo e pesca e obxectos decorativos como estrelas.
O proceso comeza coa selección dos plásticos. Despois da formación recibida polo Campus de Ferrol -que é outra das institucións colaboradoras no proxecto- decidiuse que utilizarían exlusivamente plásticos dos números 2 (polietilen de alta densidade) e 5 (polipropileno). O primeiro paso é a identificación e separación, que se fai tendo en conta esta numeración -se é que aparece- ou ben por cores e por usos, xa que o polietileno utilízase fundamentalmente para botellas de deterxente, lixivias ou leite e para tapóns de botellas, mentres que o polipropileno é o compoñente co que se fan os envases plásticos que se poden meter no microondas.
Unha vez separados os plásticos procédese ao triturado e, a continuación, pásanse á inxectora ou á extrusadora. A primeira é unha máquina na que se poden colocar moldes distintos para facer diferentes obxectos. A segunda dá como resultado un fío de plástico co que, por exemplo, se pode envolver unha cunca e retirala despois unha vez que tomou esa forma. Tanto a inxectora como a extrusadora funcionan con alta temperatura para licuar os plásticos, a 220º para os do número 2 e a 200º para os do número 5.
En Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal traballan coa madeira e, a diferencia do plástico, o resultado son obxectos que teñen unha compoñente máis artesanal xa que en moitas ocasións é a propia forma da materia prima a que determina o tipo de produto a elaborar. Mercáronse unha serra de cinta, unha lixadora de disco e banda, unha lixadora de rodillos oscilante, unha serra de marquetería (todo co seu material funxible) e unha impresora láser para gravar a madeira. As persoas usuarias do taller confeccionan multitude de obxectos decorativos -desde murais a reloxos ou lámpadas-, trofeos, chaveiros ou bixutería que se poden personalizar ao gusto do cliente.
Aínda que a posta en marcha do proxecto remata a finais de novembro, o obxectivo é que estas liñas de traballo
pasen a estar integradas nos obradoiros que ofrecen as dúas entidades como un mecanismo máis de inclusión social e laboral.