O Concello de Fene pon en marcha o programa anual de podas sanitarias e preventivas
16-11-2022
Cadrando co parón vexetativo do outono e o inverno, o Concello de Fene desenvolve todos os anos un amplo programa de podas co obxectivo de que as árbores que flanquean as avenidas ou que están situadas en espazos públicos abrollen na primavera con todo o seu vigor. Iso por unha banda pero, por outra, tamén se busca manter controlado o seu crecemento e potenciar o seu carácter ornamental. Durante estes días, a brigada municipal e unha empresa de apoio están traballando na contorna de Marqués de Figueroa antes de proseguir por Naturais de Fene. Ademais recentemente tamén se podaron as laranxeiras bravas da estrada da Palma para reducir a súa fructificación, mentres que en San Valentín se están levando a cabo talas de árbores secas por motivos de seguridade.
Os labores por Marqués de Figueroa avanzan simultaneamente en ambas marxes da avenida, levando a cabo a corta de pólas nas fileiras de plátanos que se alternan nas beirarrúas. No caso da Praza do Ameneiral -a Praza Verde- tamén se van preparar os pradairos por razóns de mantemento, deixando só as ramificacións principais.
Unha vez se complete toda esta avenida de Perlío, o Concello continuará as podas de mantemento por Naturais de Fene, centradas igualmente na retirada de pólas secas e de abrollos novos que poidan romper a simetría da árbore ou disparar o crecemento do volume da copa que, de deixarse escapar, acabaría restándolle luz aos primeiros andares dos edificios colindantes.
O operativo municipal persegue, ademais, garantir a seguridade do tráfico e de viandantes. Neste sentido, hai escasos días completouse a redución do porte das laranxeiras plantadas ao longo da estrada da Palma -desde Perlío até Maniños pasando por Barallobre- co obxectivo de reducir a súa capacidade produtiva. De feito, a caída dos cítricos -que non son comestibles- requirían limpezas constantes por parte do departamento de Servizos para retiralos das beirarrúas e da calzada, de cara a evitar esvaramentos accidentais e a proliferación de insectos.
En relación coa seguridade, a brigada de Servizos tamén se encontra desde hai uns días no barrio de San Valentín realizando podas e talas preventivas de seis exemplares secos de distintas especies, como por exemplo os bidueiros e salgueiros situados ao pé da escalinata que comunica o barrio coa Avenida das Pías, ou o salgueiro chorón que se prevé retirar da parte dianteira do CPI A Xunqueira.
"As cortas que se están facendo limítanse a árbores que son irrecuperables porque xa están totalmente secas e sempre se fan previa valoración técnica por parte do persoal que conserva os nosos xardíns e espazos verdes. Se se corta unha árbore é por un motivo meditado e xustificado. A tala é o último recurso cando non hai maneira de recuperar unha árbore e cando existe un risco de caída sobre zonas de paso", explica a titular da área, Sandra Permuy.
O Concello conta con ter rematados os labores de mantemento do arborado da zona urbana a primeiros do mes de decembro. O programa tamén se desenvolverá en espazos públicos das parroquias. Agárdase telo completado para mediados ou finais de febreiro, xusto antes do agromar da primavera.