O Concello de Fene convida á veciñanza a participar no acto expansivo de izado da bandeira que promove a plataforma Vía Galega

O Concello de Fene convida á veciñanza a participar no acto expansivo de izado da bandeira que promove a plataforma Vía Galega

O pasado mes de outubro a plataforma "Vía Galega" comezou unha campaña dirixida ao conxunto da sociedade galega para dar a coñecer, popularizar e exhibir os símbolos nacionais de Galicia, o himno e a bandeira, que nos representan e identifican como nación e son a expresión do ser colectivo e da nosa existencia como pobo e do seu dereito a existir libremente.

Esta campaña, á que se adheriron concellos e deputacións, baséase na edición de 12.000 exemplares dun opúsculo sobre a orixe, historia e significado da bandeira e do himno coa letra orixinal que se están a presentar e distribuír por toda Galicia e no chamamento para que entre os días 14 e 19 de novembro, coincidindo co 104 aniversario da Asembleia Nazonalista de Lugo, a veciñanza pendure bandeiras galegas en xanelas e balcóns culminando cun izado expansivo e simultáneo da bandeira galega en actos institucionais programados polos concellos o mesmo día 19 de novembro ás 11:30 h.

A ‘Asemblea Nazonalista de Lugo’ significa o nacemento do nacionalismo galego. O 17 e 18 de novembro de 1918 reuníanse en Lugo 57 delegados e delegados en representación da afiliación das Irmandades da Fala para aprobar o manifesto e a proposta programática que supuxo a declaración doutrinal máis decisiva da historia do nacionalismo nos últimos cen anos, a folla de ruta do galeguismo con anterioridade ao 1936.

Un Manifesto, que comezaba coa seguinte declaración de principios:

Os persoeiros das Irmandades da Fala reunidos en asemblea magna tida na cidade de Lugo nos días 17 e 18 do mes da data para conquerir do Goberno da Súa Maxestade El-Rey autonomía integral da Nación Galega e fixar un programa concreto as que coidan estas solucións aos problemas que interesan dun xeito fondísimo á vida nacional de Galicia, aprobaron e sosteñen, co corazón ateigado de esperanza e os ollos postos no porvir da nai Terra, as seguintes conclusións que fan públicas para coñecemento e meditación do pobo Galego, nestora solemne do albeo das nacionalidades que senten tremelar a súa alma e fan xurdir a súa personalidade.

Cento catro anos despois, co corazón ateigado de esperanza e no porvir da nai Terra, no Concello de Fene imos proceder a erguer a nosa bandeira, a cantar o noso himno nun acto institucional que terá lugar o sábado, 19 de novembro, ás 11:30 na rotonda de San Valentín (Avenida das Pías) e que consistirá no izado expansivo da bandeira azul e branca, da bandeira da nación galega.