O Pleno de Fene aproba por unanimidade a modificación puntual do PXOM para delimitar cinco novas zonas de núcleo rural
17-01-2023
A modificación habilitará solo para construír ata 180 vivendas unifamiliares
A Corporación do Concello de Fene reuniuse esta mañá nunha sesión extraordinaria do pleno municipal que levaba como único punto na súa orde do día a votación da aprobación provisional da modificación puntual do planeamento urbanístico de cara a ampliar o solo de núcleo rural nos Buios, O Redondo, O Feal, Lubián e O Piñeiro, nas parroquias de Magalofes, Sillobre e Maniños. A proposta do grupo de goberno, aprobada por unanimidade, ofrecerá a posibilidade de construír ata 180 vivendas unifamiliares, ademais de contemplar usos terciarios para a posta en marcha de pequenos negocios. Para o titular da área de Urbanismo, Manuel Polo, a aprobación plenaria supón "un importante avance no desenvolvemento urbanístico de Fene mentres seguimos traballando nun novo planeamento".
A modificación puntual dos núcleos onde conflúen Magalofes, Sillobre e Maniños transformará o actual solo urbano e parte do rústico nunha mesma cualificación como solo de núcleo rural, para que toda a zona edificada desa área conte cunha planificación urbanística equilibrada, ademais de permitir a construción de vivenda unifamiliar "nunha parte do noso territorio onde existe unha alta demanda veciñal, onde hai solo suficiente para o seu desenvolvemento poboacional e onde é factible garantir un crecemento sostible, xa que existen servizos básicos suficientemente dimensionados ou previsión de crealos a curto prazo", apunta Polo.
O concelleiro puxo en valor o feito de que se habilite a posibilidade de construír ata 180 vivendas unifamiliares que, segundo asegurou "é un fito histórico no noso concello e permite corrixir unha eiva tamén histórica do planeamento do 2003, que non prevía suficientemente o crecemento futuro das zonas de transición entre o núcleo urbano e a zona rural". A modificación, engade o responsable de Urbanismo, "tamén inclúe os usos terciarios correspondentes para a creación de pequenos negocios".
Polo tamén destacou o "alto grao de consenso" alcanzado en todo o proceso tanto polo apoio unánime colleitado hoxe no pleno municipal como polas achegas formuladas pola veciñanza antes do seu inicio -en decembro de 2021- e tamén despois en forma de alegacións. De feito, o expediente sometido a votación recolle as respostas a todas as alegacións presentadas pola veciñanza durante o período de exposición pública posterior á aprobación inicial da proposta deseñada pola empresa Arqyur.
Neste sentido, desde o Goberno local recórdase que o cambio no planeamento "reflicte o sentir xeral dos veciños e veciñas e tamén atende á maioría das alegacións totais ou parciais que presentaron, referidas a un total de 55 parcelas".
O acordo adoptado polo pleno municipal refírese á aprobación provisional da modificación puntual do planeamento para ampliar a delimitación de solo de núcleo rural nos Buios, O Redondo, O Feal, Lubián e O Piñeiro. O executivo encabezado por Juventino Trigo cualifícao como "un importante avance no desenvolvemento urbanístico de Fene mentres seguimos traballando nun novo planeamento adaptado á realidade actual e futura do noso territorio".
Superado o trámite plenario, a modificación seralle remitida á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para que se pronuncie ao respecto. Se non hai informe en contrario -algo pouco probable, dado que o documento conta cos informes sectoriais preceptivos- a modificación entrará en vigor no prazo máximo de tres meses.