Un Concello limpo depende de todas e de todos, colabora
16-02-2023
A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Fene apela á responsabilidade da cidadanía por unha xestión adecuada dos nosos residuos así como ao civismo para evitar a proliferación de vertedoiros incontrolados no noso municipio.
Como reforzo a esta petición, nos vindeiros días procederase á pegada nos colectores municipais de cartelas con información sobre o servizo de recollida de voluminosos e sobre que residuos podemos, ou non, depositar nos colectores.
Para unha adecuada xestión debemos saber que NUNCA debemos depositar nos colectores verdes materiais reciclables (papel, cartón, vidro) xa que dispoñen dos seus propios depósitos, nin materiais tóxicos.
Respecto ao servizo de recollida de voluminosos, este funciona os mércores nas parroquias de Fene, Magalofes, Perlío, San Valentín, Sillobre e Vilar do Colo e os xoves en Barallobre, Limodre e Maniños. Servizo que non precisa de notificación previa, xa que os vehículos realizan as rutas de igual modo.
Importante:
NON SON VOLUMINOSOS, e polo tanto non se poden deixar na rúa nin tirarse en ningún outro lugar, incluídos os colectores verdes e amarelos: os pneumáticos usados, os restos de produtos químicos ou de pintura, os restos de construción, o aceite, as pilas, as baterías, o fibrocemento (as uralitas), entre outros.
SON VOLUMINOSOS: os mobles vellos -cadeiras, sofás, armarios, mesas, etc.-, colchóns e somieres, electrodomésticos de liña branca -lavadoras, lavalouzas, frigoríficos, etc.-, televisores e outros aparellos eléctricos.
Cómpre lembrar, ademais, que cando mercamos un electrodoméstico, quen nolo vende ten a obriga de recollernos o vello sen custes -tamén as tendas en liña- e mesmo hai establecementos que ofrecen a recollida a domicilio totalmente gratis.