Fene prepárase para tres días de oportunidades e prezos imbatibles

Fene prepárase para tres días de oportunidades e prezos imbatibles

23 establecementos participan no Outlet Fene que se desenvolverá desde este venres até o domingo organizado polo Concello en colaboración coa asociación O Cruceiro

 
Un total de 23 comercios de todo tipo van participar durante esta fin de semana no primeiro Outlet Fene deste ano 2023. De venres a domingo os establecementos ofrecerán unha chea de artigos rebaixados e outras oportunidades nun evento organizado pola área de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa asociación de comercio, hostalaría e servizos O Cruceiro. O outlet desenvolverase o venres en horario de 10 a 13:30 e de 17:00 a 20:00h, o sábado de 10:00 a 14:00h e de 17:00a 20:00h e o domingo só pola mañá, de 10:00 a 14:00h.  
 
Serán tres días de descontos e promocións que os negocios poderán organizar como queiran de cara a alixeirar existencias con prezos competitivos (a rebaixa pode chegar ata un 70%)  e, de paso, mostrar novidades e artigos da temporada primavera-verán. Tal e como comenta a concelleira Ángeles Coira, este primeiro outlet do ano "quere seguir promocionando a calidade e o servizo dos establecementos de proximidade, ademais de fidelizar o consumo local e atraer clientela de fóra de Fene durante unha fin de semana na que agardamos bo tempo".
 
Alén do atractivo do prezo e da variedade, os comercios  inscritos na iniciativa van prepararse para a ocasión con decoracións especiais. Niso tamén contarán coa colaboración municipal, xa que a Concellaría de Promoción Económica deulles opción de pediren equipamento que facilite a venda do xénero na rúa. Así, a primeira hora instalaranse haimas e tamén mesas e manteis diante dos locais que o solicitaron. O Concello tamén apoia o desenvolvemento da cita cos pasarrúas de Airiños de Fene, que percorrerán toda a zona comercial o venres á tarde e o sábado e máis o domingo pola mañá.
 
O Outlet Fene contará con 23 negocios participantes distribuídos por Marqués de Figueroa, o Cruce de Fene, Naturais de Fene, a avenida do Concello, a Rúa da Fraga e un deles en San Valentín. Haberá produto, calidade e cantidade a prezos imbatibles e, segundo Ángeles Coira "esperamos que esta actividade de dinamización comercial tamén beneficie indirectamente a outros establecementos e á hostalaría".