O alcalde de Fene, Juventino Trigo, participou esta mañá na apertura do 6º congreso Galician Offshore International Hub (GointerHUB).
03-03-2023
Nesta 6ª edicición, máis de 35 poñentes nacionais e internacionais debatirán sobre o estado actual da eólica mariña en Galicia, España e no mundo.
A cita, no CIS de A Cabana-Ferrol, reuniu a máis de catrocentos empresarios, profesionais e representantes de organismos vencellados á eólica mariña.
O presidente de Asime, Justo Sierra, o presidente de Windar Renovables, Orlando Alonso, o presidente de Navantia, Ricardo Domínguez, a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, xunto co alcalde de Fene, foron os primeiros poñentes nesta sesión de apertura do congreso.
No decurso da súa intervención, Juventino Trigo afirmou que “máis ca nunca, empresas e administracións temos que comprometermos no desenvolvemento dunha industria e tecnoloxía vencellada ás enerxías alternativas, para contribuír deste xeito a frear o cambio climático, e evitar a emisión á atmosfera de CO2”. E a eólica mariña, dixo Trigo, “é un espazo de oportunidade para conseguir eses obxectivos e pular polo desenvolvemento industrial da nosa comarca”.
Tamén fixo referencia o alcalde de Fene a algúns dos logros acadados nos últimos tempos ao redor deste sector como a nova fábrica de turbinas para a fabricación de bridas en Navantia Ferrol; a proxectada planta de ensamblaxe en Caneliñas; as obras que se están a realizar nas instalacións de Navantia Fene para a fábrica de construción de monopiles, a transformación das zonas de traballo baixo pórtico ou a sede do Centro de Excelencia de Enerxías Verdes,
Porén, en palabras de Juventino Trigo, aínda temos por diante moitos e importantes retos como conseguir que Ferrolterra sexa o polo de I+D de enerxías mariñas renovables e almacenamento, implicando neste proceso de transición enerxética a dous sectores fundamentais na nosa bisbarra como son o pesqueiro e o marisqueiro. Porque, “a produción de enerxía eólica mariña non se pode facer nin de costas, nin a costa, dun sector tan importante para a nosa economía e para a soberanía alimentaria como é o noso sector pesqueiro e marisqueiro”, afirmou o alcalde de Fene.
O VI GointerHub comezou xa este xoves con distintas xuntanzas de traballo ao redor das enerxías renovables mariñas e sobre a cadea de valor offshore wind. Tamén se celebrou un worshop sobre normativa local, nacional e internacional e unha visita ao asteleiro de Navantia Fene.