COREGAL faise cargo da xestión do Punto Limpo do Vilar do Colo
29-03-2023
O centro de recollida agarda a autorización da Xunta de Galicia para abrir as súas portas
Representantes dos gobernos locais de Fene, Cabanas e Ares participaron este mediodía no acto simbólico de entrega das chaves do Punto Limpo do Vilar do Colo á empresa COREGAL, que se encargará da xestión do servizo durante os próximos dous anos. A firma, pertencente á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), resultou adxudicataria do contrato licitado polo Concello de Fene cunha oferta económica lixeiramente superior aos 90.000 euros anuais. Desta maneira, e a piques de facerse os dez anos da súa construción, a apertura do Punto Limpo compartido polos tres municipios vese cada vez máis próxima. Nestes momentos estase á espera de que a Xunta de Galicia achegue os permisos necesarios para o inicio da actividade, solicitados pola concesionaria a primeiros de febreiro.
A entrega simbólica das chaves do Punto Limpo foi seguida dunha pequena visita polas instalacións que, segundo os rexedores dos tres municipios, virán mellorar a xestión dos residuos e un tratamento axeitado para moitos materiais que neste intre se están deixando na rúa, dentro de colectores que non corresponden ou ciscados aquí e acolá en vertedoiros incontrolados. "Resolverá un problema que levamos padecendo desde hai tempo, poñendo a disposición da veciñanza un servizo que axuda a protexer o medio ambiente, a reciclar e, en consecuencia, a eliminar vertedoiros ilegais", apuntaba o rexedor de Ares, Julio Iglesias.
Alén de previr riscos ambientais, o Punto Limpo tamén reducirá a dependencia da Mancomunidade para o tratamento de voluminosos, aparellos electrónicos e outros tipos de refugallos domésticos que non poden depositarse nos colectores convencionais. Por outra banda, tanto os representantes municipais como os da concesionaria destacaron que a xestión das instalacións e do servizo se levará a cabo por medio dunha iniciativa de integración social. "Somos un centro especial de emprego sen ánimo de lucro que levamos trinta anos traballando na xestión integral de resíduos. Temos 207 traballadores dos que o 84% son persoas con discapacidade", explicou este mediodía Antonio Pena, xerente de COREGAL.
A construción das instalacións do Punto Limpo do Vilar do Colo finalizou en outubro de 2013 tras un investimento próximo aos 241.000 euros financiados con cargo ao Plan de Xestión de Resíduos Urbanos de Galicia 2010-2020. Desde aquela houbo varias tentativas de poñelo en marcha que non chegaron a callar, debido principalmente á complexidade administrativa de artellar un sistema de xestión compartido entre varios municipios.
Neste sentido, quen primeiro estudaron esta fórmula foron Fene e Cabanas -cotitulares das instalacións, situadas nas entremedias dos dous concellos-, a quen se unirían despois Ares, Mugardos e Neda. Os dous últimos descolgáronse do proxecto en distintos momentos e, finalmente, Ares, Cabanas e Fene asinaron en abril de 2021 un acordo para darlle o pulo definitivo. "O proxecto pasou por moitas dificultades, sobre todo á hora de xestionar e ver que concellos ían entrar definitivamente. Solventados estes problemas, esperemos poñelo a funcionar canto antes porque é un servizo moi importante para os veciños e veciñas dos tres concellos", apunta o alcalde de Fene, Juventino Trigo.
Desde a sinatura do convenio intermunicipal houbo tres licitacións públicas. A primeira quedou deserta, a segunda -cun prezo do contrato recalculado á alza- tivo que anularse por incumprimento de prazos na presentación de documentación por parte da adxudicataria, e a terceira e definitiva completouse a finais do pasado mes de decembro coa sinatura do contrato con COREGAL.
O importe do sostemento do servizo está cuantificado en 90.137,84 euros anuais (IVE incluído) e o contrato terá unha duración inicial dun ano prorrogable por outro máis. Os custes serán asumidos polos concellos en proporción á súa poboación, de maneira que Fene afrontará o 58,57%, Ares o 26,53 e Cabanas o 14,90%. "É unha pena que durante tantos anos non houbese entendemento político para sacar adiante estas instalacións", apunta o rexedor de Cabanas, Carlos Ladra, cualificando deseguido o acordo de xestión e a próxima entrada en funcionamento como "un éxito dos tres concellos" que é resultado "dun traballo do que temos que estar orgullosos".
Pendente de que a Xunta autorice a apertura
Unha vez que a empresa xa se fixo cargo das instalacións, agora estase "á espera de que a Xunta autorice a apertura", explica Ladra. A este respecto, o xerente de COREGAL, Antonio Pena, precisa que o proxecto de explotación está presentado na Consellaría de Medio Ambiente "desde o pasado mes de febreiro" e que agora "está en mans da Xunta facer a primeira inspección e tramitar a autorización ambiental".
Tanto os responsables municipais como os da propia COREGAL confían en que os permisos autonómicos poidan obterse no prazo máis breve posible, co obxectivo de que o servizo poida empezar a funcionar sen máis demoras.
No momento en que o Punto Limpo abra as súas portas atenderá de luns a sábado -40 horas semanais- para a recepción de refugallos domésticos que non poden depositarse nos colectores convencionais. Ademais tamén contará cun punto de economía circular totalmente equipado para que a veciñanza poida reparar ou intercambiar aparellos e enseres aos que aínda lles quede vida útil. "Aqueles refugallos, sobre todo equipos electrónicos e eléctricos que funcionen ben, subiranse a unha web e a xente poderá vir por aquí e levalos sen custe", comenta o xerente de COREGAL.
A empresa concesionaria e os concellos desenvolverán proximamente unha campaña publicitaria en medios e outros soportes para informar da data concreta de apertura do Punto Limpo, dos horarios e dos tipos de resíduos que se poderán entregar nas instalacións, apostando principalmente pola "reutilización".