O Concello de Fene avanza no acondicionamento de varias pistas secundarias
03-04-2023
O consistorio ten en fase de licitación ou xa adxudicados outros 260.000 euros en proxectos para estradas principais
O Concello de Fene ten en marcha un programa de obras financiadas con recursos propios que se están ocupando da reparación de camiños e pistas interiores en distintos puntos do territorio, como complemento dos proxectos viarios principais -sufragados con plans doutras Administracións na súa maioría- orientados ao enlace entre núcleos ou con estradas principais. Ao longo destes días completáronse ou están a piques de executarse un total de 12 actuacións que nuns casos se solventarán con novos firmes aglomerados e noutros con formigón.
A maquinaria estivo traballando durante esta mañá na zona da Fonte do Campo, preto do límite con Neda, para aglomerar unha pista adxacente á principal que conecta co municipio veciño. O novo firme vén completar a trama de comunicacións do lugar cun mesmo acabado, moito máis resistente e adherente. Ademais, a obra tamén mellorará as condicións de accesibilidade a varias vivendas.
Os aglomerados está executándoos a empresa Lancer, por medio dun contrato superior aos 30.000 euros que comprende reparacións coa mesma solución técnica noutras partes do municipio. Así, está previsto que esta mesma tarde a maquinaria se traslade á zona do Camiño do Regueiro e que ao longo da xornada de mañá se reparen os tramos da rúa San Salvador, a rúa Camiño Real e o enlace da rúa do Castro coa Avenida das Pías.
Neste sentido, desde o Concello infórmase de que en todos estes puntos se producirán cortes da circulación mentres se desenvolvan os traballos.
Por outro lado, en pequenos núcleos, sobre todo naqueles onde cómpre cubrir unha menor distancia ou onde hai dificultades para a mecanización dos labores por falla de espazo entre vivendas ou peches de terreos, o Concello optou pola renovación de pistas e camiños empregando formigón.
Trátase dunha solución que tamén ofrece unha boa resistencia a longo prazo e que, ademais, se acompaña das necesarias infraestruturas de drenaxe. Os proxectos en marcha ou xa rematados son o do lugar da Torre, os Cadavás e a Fontenova, en Magalofes; a volta de Chamoso, en Fene; e o Escorial, en Limodre.
Proximamente tamén se acometerán o acceso principal ao Parque da Hortiña, en Limodre, e a explanada situada entre o pavillón e o Colexio a Xunqueira, en San Valentín, nestes dous últimos casos empregando formigón impreso que simula un enlousado de pedra.
Outros proxectos
Alén destas obras en fase de execución, o Concello de Fene tamén ten adxudicados ou en licitación outros proxectos viarios de maior importe. Tal e como figura no perfil de contratante municipal, entre eles cóntase o Camiño de Mundín, a contorna do campo de fútbol de Perlío e o Camiño de Loira, o Camiño da Garita e a rúa Beiramar e o Camiño da Rúa, que fan un total de 267.000 euros de investimento.