Pitusa na lembranza

Pitusa na lembranza

A SCRD O Pote de Maniños acolle este sábado un xantar popular en homenaxe á xornalista fenesa María Xesús Arias, “Pitusa”, falecida hai un ano. O encontro -organizado por amigos e familiares coa colaboración de Radio Fene, O Pote e Concello de Fene- completarase cun recitado de poesía, cartas de amizades, música, etc. Traballadora da emisora munipal do Concello de Fene, Pitusa foi unha das voces dos informativos e de A Fenestra de Radio Fene durante máis de tres décadas. Ademais foi autora de varias publicacións sobre a historia local: “Maniños no Pasado”, “Barallobre no Pasado”, "Perlío no Pasado" e "Fene vai de Antroido"; e coautora do cómic “Galiza acorda. Andrés de Barallobre”.

Licenciada en Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago, Pitusa "tivo unha especial inclinación intelectual cara o cinema", desenvolvendo ou participando en proxectos coma o do libro “O cine na comarca de Ferrol, as súa xentes, os seus recursos (1897-2010),  a exposición "Adriano sesión contínua” ao a curtametraxe “Vivir no Adriano".

No persoal, María Xesús Arias foi unha incansábel activista democrática e defensora dos dereitos das mulleres.