Licitadas en 172.000 euros as obras de reurbanización da rúa Antonia Montero

Licitadas en 172.000 euros as obras de reurbanización da rúa Antonia Montero

As obras están financiadas polo POS+ provincial

O Concello de Fene ten aberto até o 25 de maio o prazo de recepción de propostas técnicas e económicas para acometer as obras de reurbanización da rúa Antonia Montero, en Perlío. O contrato sae a licitación pública por importe de 172.166,31 euros, ive incluído, e un prazo de execución máximo de catro meses. A obra consistirá na renovación do firme e dos servizos soterrados, ademais de contemplar a reordenación do tráfico no que é o principal acceso á estación do ferrocarril desde Marqués de Figueroa.
 
A primeira parte dos traballos centrarase na modernización da rede de saneamento e de evacuación de pluviais, así como das canalizacións da iluminación pública e das liñas de telecomunicacións. 
 
Posteriormente todo o trazado, duns 160 metros de lonxitude, levará firme aglomerado, novas beirarrúas con sobreancho que asegure a accesibilidade por parte de persoas con mobilidade reducida e, por último, a sinalización horizontal e vertical. 
 
O deseño recolle a reordenación dos sentidos de circulación, posto que a entrada a Antonia Montero, unha vez finalizadas as obras, farase pola rúa Ameneiral e pola rúa da Paz. Coa configuración prevista, a rúa disporá de dous carrís para entrar e saír da estación e un único sentido para volver a Marqués de Figueroa, flanqueado en ambas marxes por espazo de aparcamento.
 
As empresas teñen ata o próximo 25 de maio para presentar as súas ofertas económicas, sobre un prazo de execución máximo de 4 meses. Toda a documentación técnica e administrativa pode obterse na Plataforma de contratación co Sector Público do Concello de Fene.