17 maio, Día das Letras Galegas

17 maio, Día das Letras Galegas

Vai adiantando o Renault deica a ría de Ortigueira, que interna as súas augas entre as penínsulas montañosas da Fala-doira e a Capelada. A ría péchase ao oeste co cabo Ortegal, cun faro que alaga de luz as noites. E pola outra banda coa Estaca de Bares, gran xigante de pedra derrubada desde a Capelada ao océano. Forman as augas da ría dos seos: un interior, o de Cariño; outro exterior, o de Santa Marta. Ramón Sanfiz ilustra aos seus acompañantes sobre a figura de Federico Maciñeira, estampa familiar en libros e revistas de arqueoloxía prehistórica. A terra ortegá é, sen dúbida, unha das máis entrañables e significativas do país galego. Trátase dunha terra antiga, de facies profundamente baril. Esténdese diante do mar desde o lombo de altas serras, e desde o abeiro de brañas largacías. Maciñeira e os seus achados déronlle á súa antigüidade e á problemática da súa paisaxe un ton especial. Porque ao Maciñeira historiador, o que o apaixonaba era o home soterrado no dolmen e o que oficiaba os ritos druídicos no cromiech propiciador.
O megalítico, o bronce, a cultura castrexa tiveron nesta terra singular protagonismo. Despois, na Idade Media, gozou de mercés e privilexios reais. A ría correspóndese co esteiro de Mera. Segundo o rumbo do mesmo, as formas amosan unha tendencia a se unificar. No contorno das serras en ángulo, aparece Santa Marta de Ortigueira, situada na península que forman as estribacións do monte Castelo. No seu extremo noroeste érguese o pequeno altorelo chamado Campo da Torre. 

...

Fragmento de Galicia de Francisco Fernández del Riego.

Non deixar pasar a ocasión para coñecer máis polo miúdo a historia do Día das Letras e ao autor homenaxeado neste 2023 e entrade nos recursos achegados a esta nova.

Feliz Día das Letras Galegas

Ligazóns