O Concello de Fene estará este sábado, 10 de xuño, na sexta edición da feira Primavera no Camiño Inglés
08-06-2023
A edición deste ano da Primavera no Camiño Inglés promete ser unha experiencia inesquecible, chea de cultura, gastronomía, natureza e diversión.
O Concello de Fene estará representado nesta sexta edición de Primavera no Camiño Inglés cun stand no que se achegará información turística aos visitantes. Ademais, ás 11.00 horas, está prevista unha actuación da Banda Xuvenil de Airiños de Fene.
O Encoro de Beche, en Abegondo, será o escenario desta edición da Primavera no Camiño Inglés, iniciativa impulsada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña, co obxectivo de destacar e valorar os diversos atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos que ofrece esta emblemática ruta xacobea. O evento conta coa colaboración do Concello de Abegondo.
O programa de actividades é amplo e variado, deseñado para atraer e entreter a persoas de todas as idades. Haberá unha gran oferta gastronómica, con pratos e produtos típicos, así como unha serie de actividades culturais que incluirán danza, música e talleres gratuitos para nenos e nenas. Ademais, instalarase un mercado de artesanía, onde os artesáns locais terán a oportunidade de exhibir e vender as súas creacións.