O autobús de Generación D, campaña estatal sobre competencias dixitais, recala en Fene

O autobús de Generación D, campaña estatal sobre competencias dixitais, recala en Fene

“Únete a la Generación D’, cada día somos más”, a campaña itinerante que impulsa o desenvolvemento das competencias dixitais visita Fene hoxe e mañá, 18 e 19 de xullo, en horario de 10.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.30 h, e o xoves 20 de xullo, en horario de 10.00 a 13:30 h, situándose unha das súas unidades móbiles na Avda do Tarrío (zona Eroski). O autobús inclúe xogos e actividades que permitirán aos/as visitantes afondar nas súas habilidades dixitais, sacarlles partido e coñecer novas ferramentas que lles axuden a melloralas: chamadas e videochamadas, compras online, elaboración dun currículo ou dun album de fotos...

Os obradoiros, xogos e actividades están pensados para que toda a cidadanía participe na experiencia, con especial atención ás persoas desempregadas, mulleres maiores de 45 anos ou séniors. A experiencia é totalmente gratuita e ten unha duración aproximada duns 30-40 minutos. A unidade móbil está equipada con tecnoloxía inmersiva que convida a participar nunha serie de actividades prácticas para fomentar e incentivar o desenvolvemento das competencias dixitais. Unha experiencia que se axustará ás necesidades de cada usuario. Para participar, cómpre reservar praza no seguinte enlace: https://uneteageneraciond.es/reservas-1/

A visita comeza cun test autodiagnóstico que permite coñecer o nivel da persoa en competencias dixitais. Cos resultados, personalízase a experiencia e ponse á súa disposición multitude de cursos, formacións ou obradoiros cos que desenvolver e fortalecer os seus coñecementos

Co resultado do test, o/a participante enfrontarase a xogos e actividades do máis variados e de todos os niveis: dende aprender a realizar unha procura óptima na Internet ata fuxir das fake news, optimizar o uso das súas redes sociais ou xestionar a súa identidade dixital.

Tamén poderá participar na denominada “sala de escape”. Unha actividade inmersiva na que os usuarios teñen que poñer en práctica o aprendido se queren resolver o xogo e lograr saír da sala.

Ademais, todas as actividades dan puntos. Sumados os de todos/as os/as visitantes do Concello, conseguirase que Fene ocupe un determinado posto na clasificación xeral de municipios de España. E o que máis puntos obteña… terá un premio!

Máis información en https://generaciond.gob.es/

A CAMPAÑA

‘Generación D’ é unha iniciativa estatal para sensibilizar e concienciar sobre a necesidade do desenvolvemento das competencias dixitais da cidadanía española e romper coa fenda dixital. O seu obxectivo é mellorar as habilidades dixitais da cidadanía mediante formación gratuíta e personalizada (cursos, obradoiros, conferencias en liña e presenciais, etc.)

Buscadores da Internet, redes sociais, ciberseguridade, xestións en liña… A dixitalización fai parte do día a día. Por iso, esta experiencia ofrece aos usuarios multitude de recursos e orientación para o sinxelo desenvolvemento das súas competencias dixitais, aplicable a todos os ámbitos da vida cotiá.