Todo preparado para tres días de oportunidades

Todo preparado para tres días de oportunidades

22 establecementos participan no Outlet Fene que se desenvolverá desde este venres até o domingo organizado polo Concello en colaboración coa asociación O Cruceiro

De venres a domingo, o 1, 2 e 3 de setembro, os establecementos ofrecerán unha chea de artigos rebaixados e outras oportunidades nun evento organizado pola área de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa asociación de comercio, hostalaría e servizos O Cruceiro.

Para as persoas que queiran achegarse dicir que o outlet desenvolverase no seguinte horario:

venres e o sábado en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00h, e o
domingo só pola mañá, de 10:30 a 14:00h.

Serán tres días de descontos e promocións que os negocios poderán organizar como queiran de cara a alixeirar existencias con prezos competitivos (a rebaixa pode chegar ata un 70%) e, de paso, mostrar novidades e artigos da temporada outono-inverno. Un segundo outlet do ano que quere seguir promocionando a calidade e o servizo dos establecementos de proximidade, ademais de fidelizar o consumo local e atraer clientela de fóra de Fene durante esta fin de semana.

Alén do atractivo do prezo e da variedade, os comercios inscritos na iniciativa van prepararse para a ocasión con decoracións especiais. Niso tamén contarán coa colaboración municipal, xa que a Concellaría de Promoción Económica deulles opción de pediren equipamento que facilite a venda do xénero na rúa. Así, a primeira hora instalaranse haimas e tamén mesas e manteis diante dos locais que o solicitaron.

O Concello amenizará as rúas de Fene cós pasarrúas dunha charanga, que percorrerán toda a zona comercial o venres e o sábado pola tarde.

O Outlet Fene contará así con 22 negocios participantes distribuídos por Marqués de Figueroa, o Cruce de Fene, Naturais de Fene, a avenida do Concello, a Rúa da Fraga e en San Valentín.