Entra en vigor a modificación do PXOM en cinco núcleos rurais no Concello de Fene

Entra en vigor a modificación do PXOM en cinco núcleos rurais no Concello de Fene

A modificación permitará ata 180 vivendas novas e o arranxo de gran parate das existentes

Logo da aprobación definitiva pola  Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Fene; para a delimitación dos núcleos rurais dos Buios, O Redondo, O Feal, Lubián e O Piñeiro; o Concello de Fene ven de publicar  no Boletín oficial da Provincia do pasado 9 de outubro a súa aprobación definitiva.

Modificación, coa que se transforma o actual solo urbano e rústico destes núcleos nunha mesma cualificación como solo de núcleo rural. Deste xeito, toda a zona edificada destas áreas, contan xa cunha planificación urbanística equilibrada, ademais de permitir a construción de vivenda unifamiliar.

A modificación según o titular da área de Urbanismo, Manuel Polo  realizouse "nunha parte do noso territorio onde existe unha alta demanda veciñal, onde hai solo suficiente para o seu desenvolvemento poboacional e onde é factible garantir un crecemento sostible, xa que existen servizos básicos suficientemente dimensionados ou previsión de crealos a curto prazo"

O concelleiro puxo en valor o feito de que se habilite a posibilidade de construír ata 180 vivendas unifamiliares que, segundo asegurou "é un fito histórico no noso concello e permite corrixir unha eiva tamén histórica do planeamento do 2003, que non prevía suficientemente o crecemento futuro das zonas de transición entre o núcleo urbano e a zona rural". A modificación, engade o responsable de Urbanismo, "tamén inclúe os usos terciarios correspondentes para a creación de pequenos negocios".

Polo tamén destacou o "alto grao de consenso" alcanzado en todo o proceso tanto polo apoio unánime colleitado no pleno municipal como polas achegas formuladas pola veciñanza antes do seu inicio -en decembro de 2021- e tamén despois en forma de alegacións. De feito, o expediente sometido a votación recolle as respostas a todas as alegacións presentadas pola veciñanza durante o período de exposición pública posterior á aprobación inicial da proposta deseñada pola empresa Arqyur.

Neste sentido, desde o Goberno local recórdase que o cambio no planeamento "reflicte o sentir xeral dos veciños e veciñas e tamén atende á maioría das alegacións totais ou parciais que presentaron, referidas a un total de 55 parcelas".

O executivo encabezado por Juventino Trigo cualifícao como "un importante avance no desenvolvemento urbanístico de Fene e na maior seguridade xurídica das zonas beneficiadas e mentres seguimos traballando nun novo planeamento adaptado á realidade actual e futura do noso territorio".

Ligazóns