Publicadas as bases para a selección do alumnado traballador do obradoiro dual de emprego Reinicia X
10-11-2023
Os Concellos de Fene, Ares e Mugardos veñen de publicar as bases reguladoras que rexerán a selección do alumnado-traballador do proxecto de obradoiro dual de emprego “Reinicia X” que organizan co cofinanzamento da Xunta de Galicia. Trátase dun programa mixto de emprego e formación que ten como finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e favorecer a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo. O obradoiro terá unha duración de 12 meses e formará 20 alumnos/as (11 de Fene, 5 de Ares e 4 de Mugardos). As especialidades que se impartirán serán: traballos de carpintería e moble (nivel 1) e aplicación de vernices e lacas en elementos de carpinteria e moble (nivel 1), con 10 alumnos/as; e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (nivel 2), con 10 alumnos/as- traballadores/as.
Para tomar parte neste proceso selectivo todo aspirante deberá reunir os seguintes requisitos: ter 18 anos ou máis anos de idade; estar desempregado/a e inscrito/a como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia; carecer de ocupación remunerada e estar dispoñible para o emprego, sempre que se poida subscribir contrato de formación en alternancia nas especialidades impartidas; non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que impida o desempeño das funcións propias do posto de traballo para o que se opta; non ter sido despedido mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas; non incorrer en causa de incompatibilidade ou de incapacidade; e estar en posesión da titulación esixida.
A selección do alumnado–traballador participante no programa Reinicia X realizarase “pola entidade promotora mediante un procedemento específico, atendendo ás prioridades do proxecto, aos itinerarios formativos e a criterios de igualdade e obxectividade”. O sistema escollido, neste caso será o de “baremo de criterios obxectivos, previa oferta de emprego público específica na oficina de emprego”.
O Tribunal cualificador -formado por 5 membros, funcionarios de carreira ou persoal laboral fixo con categoría equivalente- terá como función a valoración de méritos alegados polos/as aspirantes. Na oferta de emprego que se tramite terán preferencia as persoas que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, priorizarase aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral. Tamén se priorizarán as persoas demandantes que teñan especiais dificultades para insertarse no mercado de traballo, tales como: as persoas emigrantes retornadas; as mulleres en xeral; as vítimas de violencia de xénero; as persoas que esgotaran as prestacións e subsidios por desemprego ou as persoas paradas de longa duración.
persoas paradas de longa duración; as persoas maiores de corenta e cinco anos;
O alumnado traballador será contratado por un período de 12 meses a xornada completa (40 horas), baixo a modalidade de contrato para a formación e alternancia. O horario de formación e prácticas será de mañá (8 horas, de luns a venres) nos seguintes centros de traballo/formación: Nave do Concello de Fene en San Marcos e Centro de formación Francisco Vizoso do Concello de Mugardos.
Máis información: Area de Formación e Emprego "Pancho Allegue". Tfno:981492767 ext 2249/ 669829328