Persoal de Obras e Servizos, Protección Civil e Policía Local coordináronse no operativo de seguridade levado a cabo na tarde do luns e madrugada do martes. O
Fene avalía os danos producidos polas inundacións da noite do luns
No día de hoxe continúan os traballos de limpeza que está a desenvolver o Concello de Fene no entorno da Rúa Río Cádavo
15-11-2023
O Concello de Fene continuou esta mañá coas tarefas de limpeza e avaliación de danos nas áreas afectadas polas inundacións que tiveron lugar na tarde do luns, con especial incidencia no treito urbano e nomeadamente no entorno da Rúa Río Cádavo, onde afectou a diversas vivendas e garaxes de edificios.
No último mes, no que se sucederon episodios de fortes choivas e alertas meteorolóxicas, o Concello de Fene mantivo reténs preventivos practicamente todos os días para facer fronte ás pequenas incidencias que se foron producindo polas inclemencias do tempo. Así foi tamén o luns, cando preto das 20h o Río Cádavo desbordou en varios puntos desde Sillobre até Perlío, coas consecuencias que xa se coñecen.
Persoal municipal da área de Obras e Servizos, xunto con Protección Civil e Policía Local traballaron conxuntamente durante a tarde do luns e a madrugada do martes para reducir o impacto das inundacións nas rúas, vehículos, vivendas e garaxes. Entre outras accións, colocáronse sacos de areas nas zonas de maior impacto, colaborouse na localización e retirada de vehículos estacionados e dispuxéronse bombas de achique para retirar a auga de vivendas e garaxes afectados.
Labores de limpeza e avaliación de danos
Tras as primeiras actuacións de emerxencia, e despois de ter baixado o nivel da auga no río, no día de onte e ao longo desta xornada os traballos céntranse nas labores de limpeza e nunha primeira avaliación de danos.
Durante esta mañá procedeuse á retirada de restos de lodo acumulados polas riadas, así como tamén a realizar un posterior baldeo para que as rúas poidan recuperar a normalidade coa maior celeridade.
Así mesmo, efectivos municipais acompañados pola Concelleira de Seguridade e Servizos, Sandra Permuy, realizaron unha primeira avaliación dos danos producidos en toda a área. Froito da mesma, detectáronse problemas no firme en varios puntos, así como tamén nunha escollera nas proximidades da zona na que o Río Cádavo inicia o seu trazado canalizado.
“Tras a inspección ocular observamos que os danos son cuantiosos, e agora procederá facer unha valoración técnica e económica para resolvelos canto antes”, sinalou a concelleira Sandra Permuy. Engadiu Permuy que “sería bo coñecer tamén se vai haber algún tipo de axuda ou achega económica por parte da Xunta como Administración responsábel da xestión hidrolóxica”.