Os convenios co CRD Agarimo, a Confraría Santiago Apóstolo de Barallobre e a Asociación de Comercio, Hostalería e e Servizos “O Cruceiro” suman 20.800 €
Fene asina os convenios de colaboración coas entidades municipais que realizan actividades de promoción económica
O Concello de Fene asinou anteriormente os convenios de colaboración coas sociedades culturais e deportivas, así como as organizacións dos festivais Felipop e Fenerock
28-11-2023
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a concelleira de promoción económica, María de los Ángeles Coira, participaron este luns xunto cos representantes do CRD Agarimo, Luis Ángel Fraga; a Confraría Santiago Apóstol de Barallobre, Jorge López; e a Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos de Fene “O Cruceiro”, Ana Basoa, na sinatura dos convenios de Subvencións Nominativas do 2023 destinadas ás entidades que desenvolven actividades de promoción económica.
Os tres convenios rubricados ascenden a un total de 20.800 €, repartidos do seguinte xeito: 2.800 € ao CRD Agarimo pola organización do Encontro de “As Lavandeiras de Sillobre” (1.200 € máis ca o ano anterior); 8.000 € para o desenvolvemento de actividades durante este 2023 da Confraría Santiago Apóstol de Barallobre; e 10.000 € para a Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos de Fene “O Cruceiro”, destinados ao programa “Merca en Fene.
“Coa sinatura destes tres convenios reafirmamos o compromiso do goberno municipal de apostar por proxectos que teñen un interese especial para Fene, apoiando o desenvolvemento de actividades que xeran un retorno económico e contribúen á creación e fomento do emprego” destacou o rexedor fenés, Juventino Trigo.
Convenios coas entidades culturais e deportivas
Con anterioridade á sinatura que tivo lugar onte, o Concello de Fene asinou con representantes de varias sociedades culturais e deportivas os convenios de Subvencións Nominativas para o 2023, que ascenden a 50.000 €, dos cales 38.500 € corresponden ás entidades de carácter cultural, 6.500 € ás ANPAs e 5.000 € para as entidades deportivas.
O Concello de Fene tamén ten asinados convenios coas sociedades Felicia Asociación Cultural e AC Centolos, para o desenvolvemento dos festivais Felipop e Fenerock, por un importe de 11.000 € cada un.