O Obradoiro Reinicia X conta con dúas especialidades, atención sociosanitaria e carpintería
Comeza o Obradoiro dual de emprego Reinicia X
Un total de 11 veciñas e veciños de Fene participan no Obradoiro Reinicia X
21-12-2023
Esta semana deu comezo o Obradoiro dual de emprego Reinicia X, promovido polo Concello de Fene, xunto cos concellos de Ares e Mugardos. Conta con dúas especialidades, e nel participan un total de 20 alumnos/as traballadores/as, 10 por cada especialidade.
A especialidade de carpintería, impartida no Nivel 1, conta con dúas certificacións: traballos de carpintería e moble e aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble. Os traballos desenvolveranse na nave de formación que o Concello de Fene ten en San Marcos, e durante o período de formación, realizarán mobiliario de oficina para as dependencias municipais do Concello de Fene, a substitución do peche perimetral das cabinas de soldadura da nave de formación de San Marcos (Fene), mobiliario urbano en madeira para o Concello de Mugardos e fiestras para o Mosteiro de Santa Catalina, no Concello de Ares.
Pola súa banda, a especialidade en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais desenvólvese no Nivel 2, e a súa formación realizarase nas instalacións que o Concello de Mugardos ten en Franza. Ademais, as dez persoas participantes realizarán prácticas no Centro de Día de Caamouco.
“Estes obradoiros son unha moi boa ferramenta para que o alumnado participante poida adquirir competencias en dúas especialidades que están a ser moi demandadas polo mercado laboral actual, ao tempo que a súa contratación permite que estas persoas poidan construír o seu proxecto de vida nos nosos concellos”, sinalou a Concelleira de Formación e Emprego do Concello de Fene, Cristina García.
Persoas contratadas
Cunha duración dun ano, o alumnado traballador terá un contrato laboral de 40 horas semanais, no que cobrará o Salario Mínimo Interprofesional. Estas persoas foron preseleccionadas mediante unha oferta de emprego en cada unha das especialidades tramitadas no Servizo Público de Emprego de Galicia, procedéndose logo á selección definitiva, dando prioridade ás persoas desempregadas dos concellos organizadores.
Un total de 11 persoas de Fene formarán parte do alumnado – traballador seleccionado para participar no obradoiro Reinicia X, 6 na especialidade de carpintería e 5 no de atención sociosanitaria. Os concellos de Mugardos e Ares contarán con 4 e 5 alumnos, respectivamente.
Ademais, para o desenvolvemento e xestión do obradoiro Reinicia X contratáronse cinco persoas para ocupar os postos de dirección (1), docencia de cada unha das especialidades (2), docencia de ensino básico e docencia de formación empresarial e titorización (1).
Financiamento
O Obradoiro de emprego Reinicia X conta cunha subvención da Consellaría de Emprego da Xunta de Galicia de 531.046,20 € para o financiamento dos custes de formación e a contratación das 20 persoas que participan como alumnado traballador. Ademais, tamén se conta cunha subvención de 7.500 euros adicionais para incentivos á contratación ao remate do período formativo.