Fene avanza nas obras de mellora do firme no Camiño do Redondo

Fene avanza nas obras de mellora do firme no Camiño do Redondo

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o concelleiro de obras, Manuel Polo, visitaron as obras que se están a acometer no Camiño do Redondo, na parroquia de Magalofes, valoradas en 78.882,57 €.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o concelleiro de obras, Manuel Polo, visitaron as obras de mellora do firme que o Concello de Fene está a executar no Camiño do Redondo, na parroquia de Magalofes, consistentes na mellora e adaptación do firme para incrementar a seguridade e accesibilidade do mesmo.

Tal e como estaba contemplado na memoria técnica realizada polo Concello de Fene con carácter previo, para a execución dos traballos levouse a cabo primeiramente unha limpeza das cunetas e pasos salvacunetas, ademais do varrido e limpeza do firme existente, para posteriormente executar unha nova pavimentación, que inclúe unha capa de rodaxe cun espesor medio de 6 centímetros en todo o trazado.

Durante a visita ás obras, o alcalde e o concelleiro de obras revisaron o avance dos traballos, e puideron comprobar in situ a mellora substancial que supón a instalación da nova capa de rodaxe xa instalada nos 800 metros de camiños contemplados nesta actuación.

“O camiño do Redondo adoecía de problemas do firme, froito do intenso uso e do desgaste polo paso do tempo e as inclemencias meteorolóxicas, que foron solucionados cun novo aglomerado, mellorando a seguridade para a circulación”, destacou o concelleiro de obras, Manuel Polo, quen tamén avanzou que “a obra entregarase nos próximos días, cando rematen os traballos de instalación da sinalización horizontal correspondentes ao longo do trazado do vial”.

Estas actuación que o Concello de Fene está a levar a cabo no Camiño do Redondo están valoradas en 78.772,57 €, e forman parte do plan que a concellaría de obras vén desenvolvendo nos últimos meses para mellorar o estado dos camiños no conxunto das parroquias fenesas.