A Orquestra Finisterre e o DJ Frank Fairlane serán os encargados de animar as primeiras horas de 2024 na Praza do Alcalde Ramón Souto de Fene
Fene ultima os preparativos da Festa de Fin de Ano
Con entrada gratuíta, a festa celebrarase nunha carpa na que se ofrecerán servizos de barra e gardarroupa
29-12-2023
O Concello de Fene está a ultimar os preparativos para a Festa de Fin de Ano, que decorrerá nas primeiras horas do 2024 na Praza do Alcalde Ramón Souto, coa instalación de elementos estruturais e a decoración que adornará o espazo. Trátase da segunda edición deste evento, tras o grande éxito colleitado na edición que deu a benvida a este 2023.
A festa comezará unha hora despois das uvas coa actuación da Orquestra Finisterre, unha formación que durante a súa traxectoria de máis de 15 anos foi bebendo dos diferentes xéneros da verbena, e cuxo repertorio inclúe tanto os temas do momento como tamén os clásicos aclamados polo público. A continuación, será o DJ Frank Fairlane o encargado de amenizar a festa até o amencer, cunha sesión que percorrerá estilos como o rock, pop, disco, latino e temas actuais, entre outros.
A gran expectación xerada en Fene arredor da Festa de Fin de Ano levou ao Concello a ter que ampliar o espazo respecto á edición anterior. “Unha das novidades deste ano é que a carpa será máis grande para poder acoller a máis persoas no seu interior, ante as previsións dunha gran asistencia”, indicou a concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, quen lembrou que “xa no mes de setembro comezaron a preguntarnos polas actuacións musicais”. “A Festa de Fin de ano chegou para quedar”, sentenciou a concelleira.
No espazo da Festa ofreceranse servizos de gardarroupa e barra, e ao remate, haberá chocolate con churros a disposición das persoas presentes.
San Silvestre e Cabalgata das SSMM
Ademais da Festa de Fin de Ano, Fene continúa coa programación de Nadal con dous grandes eventos no calendario. O primeiro será este sábado, 30 de decembro, coa celebración da carreira popular de San Silvestre, na que participarán máis de 400 persoas (314 atletas nas diferentes categorías e 152 participantes na andaina).
Por outra banda, o Concello de Fene tamén está a preparar a Cabalgata das SSMM Os Reis Magos de Oriente, que terá lugar o 5 de xaneiro ás 17.30h, con saída do CCRD de Perlío. A comitiva percorrerá a Avda. Marqués de Figueroa e a Avda. Naturais con remate na Praza do Alcalde Ramón Souto onde as SS.MM Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán a todos os nenos/as que desexen coñecelos e trasladarlles as súas peticións.