O mural realizado por SFHIR en Fene, candidato a ser o mellor do mundo
O mural representa unha violonchelista e foi realizado durante a primeira edición do Perla Mural Fest, en agosto de 2023
08-01-2024
A votación popular está aberta até o 31 de xaneiro na plataforma Street Art Cities
Un mural realizado en Fene no marco da primeira edición do Perla Mural Fest aspira a ser o mellor do mundo. Trátase da obra realizada polo artista madrileño SFHIR na fachada dun edificio de nove andares situado no número 64 da Rúa da Fraga, e representa unha muller tocando o violonchelo.
A obra situada en Fene é o mural vertical máis grande da carreira de SFHIR, quen soubo adaptar a forma do edificio -que conta cun pozo de luz- á idea que quería plasmar. Coa noite, cando a veciñanza do edificio acende a luz das escaleiras, ilumínanse os trastes do violonchelo, o que fai que o mural semelle cobrar vida.
Estas singularidades levaron a Street Art Cities, a principal plataforma global de arte urbana, a incluír este mural nunha primeira selección de 50 obras internacionais que optan ao recoñecemento de mellor mural do mundo. Agora, nunha segunda fase, será o público quen a través dos seus votos elixirá o mural gañador entre os finalistas.
Desde o Concello de Fene celebran a candidatura e animan a participar activamente nas votacións. “Estar entre as obras finalistas xa serviu para poñer a Fene no mapa mundial da arte urbana, e agora cómpre facer un esforzo colectivo por conseguir a vitoria”, indicou Ángeles Coira, concelleira de promoción económica, quen tamén avanzou que xa se está a traballar na edición deste 2024.
O proceso de votación estará aberto até o próximo 31 de xaneiro, e para votar é preciso visitar a web https://streetartcities.com/awards/2023 e clicar no botón “Cast your vote now”. A continuación terase que seleccionar unha obra en cada unha das tres categorías (o mural de Fene compite na primeira), e posteriormente confirmar o voto mediante o correo electrónico.
Sobre o Perla Mural Fest
O Perla Mural Fest celebrou a súa primeira edición entre o 7 e o 13 de agosto de 2023. Trátase dun festival de arte urbano que pretende render homenaxe ao recinto do Perla e o seu legado, como centro cultural icónico de Fene e do conxunto da comarca entre as década dos anos 60 e 80. Durante a súa existencia, o Perla chegou a albergar un cinema, unha cafetaría e até un salón de vodas nos seus últimos anos.