O Concello de Fene avanza as actuacións que realizará con cargo ao Plan Único
12-01-2024
A Deputación da Coruña achega ao Concello de Fene un total de 519.627,96 €, correspondentes ás Achegas 2023 e 2024, así como ao POS Social
A Concellaría de Obras propuxo o investimento en actuacións de abastecemento e aglomerado en diferentes parroquias
O Concello de Fene avanzou esta semana os proxectos que executará con cargo ao Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña, unha contribución económica que ascende a 519.627,96 €, que se distribúen en 252.069,73 € correspondentes á Achega 2024; 195.503,59 € da Achega 2023; e finalmente, 72.027,64 € do chamado POS Social.
A proposta elaborada polo Goberno municipal de Fene -que foi trasladada esta semana aos diferentes grupos políticos- pasa por dedicar a totalidade do monto da Achega 2024 do POS -252.096,73 € ao financiamento do gasto corrente municipal, isto é, aos consumos e subministracións necesarias para o funcionamento dos diferentes servizos que presta o Concello.
Desta maneira, ese mesmo importe pode liberarse do Orzamento municipal para poder realizar outras actuacións dunha maneira máis áxil, ao simplificarse a súa tramitación administrativa. No concreto, con este financiamento levaranse a cabo tres obras orientadas á mellora da rede de saneamento municipal: o Camiño Arriba, en Sillobre; o Camiño da Fonte, en Limodre; e o Camiño do Conde, en Maniños.
Por outra banda, o total da Achega 2023 -que ascende a 195.503,59 €- vai ser investido no aglomerado de Buios, unha actuación que se completa con fondos propios até os 229.173,56 € totais do proxecto a executar.
“As tres actuacións de saneamento e o aglomerado que se levarán a cabo con cargo a este financiamento son actuacións moi necesarias, e que afondan no compromiso deste Goberno local por realizar investimentos nas diferentes parroquias”, sinalou o Concelleiro de Obras, Manuel Polo. Lembra Polo que só no 2023, o Concello de Fene destinou “máis dun millón de euros do POS á mellora de camiños e da rede de abastecemento municipal”.
Avance no Plan Complementario
Polo tamén avanzou que de cara ao POS Complementario, para o que a Deputación pide aos concellos que presenten proxectos valorados polo menos no 50% dos fondos asignados en previsión de xerar máis recursos durante o ano, o Concello de Fene incluirá tres proxectos.
O principal destes tres proxectos é o da renovación das tubaxes de abastecemento no cruzamento entre a Avenida das Pías coa Avenida Marqués de Figueroa, ao que se sumarán dúas actuacións de aglomerado, unha en Río Sandeo e outra en Cadavás. O financiamento e posterior desenvolvemento destas actuacións ficará á espera da xeración das partidas necesarias no ente provincial.