O Concello de Fene levou á FITUR a súa oferta de eventos culturais e festivais, alén do Camiño Inglés e o patrimonio indiano da localidade
Fene adianta en FITUR as datas do XI Encontro de Palilleiras e do Encontro de Lavandeiras de Sillobre
O evento serviu tamén para manter encontros con empresas do sector turístico
26-01-2024
O 13 de abril celebrarase en Fene o XI Encontro de Palilleiras, e apenas un mes despois, o 4 de maio, o Encontro das Lavandeiras de Sillobre. Estes dous eventos foron dous dos anuncios que o Concello de Fene adiantou durante a Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se está a celebrar esta semana en Madrid.
Ambos os dous Encontros forman parte da aposta do Concello de Fene pola promoción dun turismo cultural, xunto cos festivas musicais Felicia Pop (agosto) e Fene Rock (setembro), e o de arte urbano Perla Mural Fest. Ademais, Fene tamén destacou en FITUR o patrimonio indiano da localidade e o papel do Camiño Inglés, que cada ano está a ser máis relevante no fluxo de visitantes que recibe.
“Os Encontros de Palilleiras e Lavandeiras, xunto co Fene Rock e o Felicia Pop, veñen consolidándose nos últimos anos até terse convertido en referentes e nun atractivo para acoller visitantes” indicou Ángeles Coira, concelleira de promoción económica e turismo. Coira tamén destacou o papel do Perla Mural Fest que “cunha única edición celebrada conseguiu posicionar a Fene no mapa mundial da arte urbana cun mural que opta a ser o mellor do mundo”, e lembrou que as votacións están abertas até o 30 de xaneiro.
Encontros con empresas do sector
Ademais de Ángeles Coira, tamén acudiu a FITUR representando ao Concello de Fene a tenente de alcalde, Sandra Permuy. Ambas as dúas concelleiras están a manter unha intensa axenda de encontros con empresas do sector turístico durante as xornadas profesionais da feira.
“Nas diferentes xuntanzas e demostracións puidemos coñecer algunhas das ferramentas máis novidosas que están a desenvolver diferentes empresas para mellorar a experiencia durante as visitas, e que ofrecen unha perspectiva global dos desafíos e oportunidades da xestión turística”, concluíu Sandra Permuy.