O Mellor Mural do Mundo está en Fene
31-01-2024
O mural representa unha violonchelista e foi realizado durante a primeira edición do Perla Mural Fest, en agosto de 2023
O mural realizado polo artista SFHIR durante o primeiro Perla Mural Fest celebrado o pasado mes de agosto en Fene, vén de ser nomeado como Mellor Mural do Mundo pola plataforma Street Art Cities , logo dun proceso de votación popular que culminou no día de onte.
A concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira, celebrou este recoñecemento, e felicitou unha vez máis ao artista Hugo Lomas (SFHIR) “por ter conseguido este galardón que desde agora sitúa a Fene no mapa mundial da arte urbana”. Coira tamén tivo palabras de agradecemento “para todas as persoas que souberon apreciar a labor realizada polo artista e contribuíron co seu voto a conseguir este resultado”.
Sobre a obra premiada e o Perla Mural Fest
Situado no número 64 da Rúa da Fraga, a obra premiada é o mural vertical máis grande de toda a carreira artística de SFHIR, e representa unha muller tocando o violonchelo. Coa noite, cando a veciñanza do edificio acende a luz das escaleiras, ilumínanse os trastes do violonchelo, o que fai que o mural semelle cobrar vida.
O Perla Mural Fest celebrou a súa primeira edición entre o 7 e o 13 de agosto de 2023. Trátase dun festival de arte urbano que pretende render homenaxe ao recinto do Perla e o seu legado, como centro cultural icónico de Fene e do conxunto da comarca entre as década dos anos 60 e 80. Durante a súa existencia, o Perla chegou a albergar un cinema, unha cafetaría e até un salón de vodas nos seus últimos anos.