O Concello de Fene pon en marcha unha campaña para concienciar sobre a recollida de excrementos caninos
09-02-2024
O incumprimento desta obriga supón unha sanción que chega aos 100 €
A área de medio ambiente do Concello de Fene vén de poñer en marcha unha campaña de sensibilización coa que pretende concienciar á veciñanza da necesidade de recoller os excrementos dos seus animais -nomeadamente dos cans- cando saen pasear con eles á rúa.
No desenvolvemento desta campaña estanse a colocar preto dun cento de carteis informativos por todas as parroquias fenesas, con especial atención ás inmediacións dos parques infantís.
Ademais, tamén se ten coordinado coa Policía Local, que levará a cabo un maior control e vixilancia nas rúas para concienciar á poboación da obrigación cívica e legal de recoller ditos excrementos cunha bolsa para depositalos posteriormente nunha papeleira ou colector.
“Con esta campaña pretendemos que toda a veciñanza sexa consciente do problema de limpeza, saúde e convivencia que xera non cumprir coas obrigacións de recollida dos excrementos”, indicou a concelleira de medio ambiente, María del Carmen Martínez. “Manter as rúas e zonas verdes limpas require o compromiso e implicación por parte de toda a veciñanza”, concluíu Martínez.
Desde o Concello de Fene lembran que o incumprimento desta normativa supón unha sanción que chega aos 100 €, en base á Lei 4/2017, de 3 de outubro, de Protección e Benestar dos animais de compañía de Galicia.