Fene conmemora o 8M cunha xornada reivindicativa chea de actividades
“Nin princesas, nin escravas” é o lema escollido polo Concello de Fene para celebrar o Día Internacional da Muller
04-03-2024
Entre as actividades programadas pola área de igualdade destaca un programa de radio en directo no que participarán mulleres fenesas de diversos ámbitos
A área de igualdade do Concello de Fene ten todo a punto para a conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller. Unha xornada reivindicativa que contará nesta edición cunha ampla programación de actividades que se desenvolverán o propio 8 de marzo.
Nesta programación destaca a realización dun programa de radio en directo aberto ao público, que se iniciará no Salón de Plenos ás 11h. Durante unha hora, preto dunha vintena de mulleres fenesas de distintos ámbitos e xeracións pasarán polos micrófonos para intercambiar opinións sobre igualdade, o papel das mulleres nas entidades sociais, educación igualitaria, a imaxe en redes sociais ou as desigualdades e dificultades para acceder a certos empregos os postos de responsabilidade, entre outros moitos temas que irán xurdindo no transcurso do programa.
Ao remate deste programa, lerase un manifesto e haberá unha batukada feminista, previa inauguración do espazo “Sementando Igualdade”, situado ao carón da Casa do Concello. Trátase dun entorno recuperado como espazo de encontro para a posta en valor da necesidade de facer políticas de igualdade transversais durante todos os días do ano.
“As mulleres de Fene deben ser as protagonistas desta xornada na que queremos reivindicar e visibilizar o papel das mulleres do noso concello en diferentes ámbitos”, manifestou Sandra Permuy, concelleira de igualdade, quen tamén fai un chamamento á sociedade local a “seguir sumando esforzos para o desenvolvemento de políticas encamiñadas a fomentar o empoderamento da muller e a educación en igualdade”.
Mural pola Igualdade e Photocall
O Concello de Fene tamén ten previsto inaugurar na mañá do 8 de marzo o “Mural pola Igualdade”, unha obra do artista Ito Mosquera, que estará situada nas inmediacións do Museo do Humor. Ademais, as persoas que acudan á Casa do Concello, poderán facerse fotos no photocall situado na entrada, que contará coas frases da campaña “Nin escravas, nin princesas” e “Sementando Igualdade”.
Alén de todas as actividades, a campaña do Concello de Fene tamén sairá á rúa cunha proposta de gran impacto visual. Tanto Casa do Concello, como as dependencias de Servizos Sociais e os centros educativos do municipio, contarán cuns lazos de globos de grandes dimensións, que lembrarán a importancia de seguir a conmemorar o Día da Muller.