Fin de semana de oportunidades no Outlet Fene
O Concello de Fene reprogramou para os días 8, 9 e 10 o Outlet Fene, logo de ter sido adiado na fin de semana pasada por mor do mal tempo
06-03-2024
20 establecementos ofrecerán centos de produtos a prezos máis económicos
Logo do aprazamento por mor do temporal de choiva e vento vivido na comarca a fin de semana pasada, a área de promoción económica do Concello de Fene vén de reprogramar para esta fin de semana (8, 9 e 10) a nova edición do Outlet Fene.
Trátase dun evento moi agardado pola veciñanza local e visitantes, no que unha vintena de establecementos ofrecerán produtos de calidade a prezos máis vantaxosos. Celebrarase o venres e o sábado, en horario de 10 a 14h e de 17 a 20h, e o domingo entre as 10.30 e as 14h.
Roupa, calzado, mercerías ou agasallos son só algúns dos produtos que a clientela que se achegue ás tendas participantes no Outlet Fene poderán adquirir a prezos rebaixados, combinados con outras novidades da tempada.
A concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, agradeceu a comprensión polo aprazamento da fin de semana pasada “no que se primou a seguridade”, e animou a toda a veciñanza a achegarse mercar a “un Outlet que contribúe a que o comercio local poida fidelizar a súa clientela”.
Coira adiantou tamén que “se as condicións meteorolóxicas volven ser adversas, o Outlet celebrarase unicamente no interior dos establecementos”, evitando o uso de haimas e mesas nos exteriores. O tempo tamén condicionará a animación programada polo Concello de Fene, un pasarrúas a cargo de Airiños de Fene, previsto para o domingo entre as 12 e 13 horas.
O Outlet de Fene conta con 20 establecementos participantes, distribuídos pola Avendia Marqués de Figueroa, o Cruce de Fene, a Avenida Naturais, a Rúa do Concello e a Rúa da Fraga. Son A Tenda Agasallos, Berline Boutique, Bualá, Calzados Locay, Dama, El Baúl de Bego, Jomer, Kenia, Koralli, Lanas Gena, Lencería Loly Calvo, Lualé 114, Más Sport, Mayka Moda, Mercería e Lencería Costuras, Mundo Mayuka, Pachú, Un Pedacito de Mí, Zapatería Mismores e ZSR Zapatería.
Restricións no aparcadoiro
Debido á celebración do Outlet, desde a Policía Local de Fene infórmase da prohibición de estacionar e circular na Rúa Cañotas desde as 17.00h deste xoves, 7 de marzo, até as 15.00h do domingo día 10.