A terceira charla da Escola de Hábitos Saudables abordará este venres os mitos sobre unha alimentación saudable
13-03-2024
A Casa da Cultura de Fene acollerá este venres 15 de marzo, ás 12 horas, unha nova charla da “Escola de Hábitos Saudables” que organizan o Centro de Saúde de Fene e as Unidades de Apoio Nutricional de Atención Primaria en Ferrol, coa colaboración da Asociación Oncohematolóxica Por Máis Vida e do Concello de Fene. Nesta nova sesión, a dietista-nutricionista do Centro de Saúde de Fene Iria González falará sobre Mitos VS realidade sobre unha alimentación saudable. A entrada ao acto será libre e de balde até completar o aforo.
Nos últimos anos, debido ao maior interese da poboación pola comida e todo o relacionado coa alimentación, aumentaron os mitos e as crenzas que rodean ao mundo da alimentación e a nutrición. E, debido á grande cantidade de información que se transmite hoxe en día, hai unha serie de afirmacións erróneas que, de tanto repetilas, acaban asumíndose como realidade.
A nutrición como calquera ciencia avanza, polo que é moi importante estar actualizados e achegar información con evidencia científica. Por iso, o obxectivo desta charla é “desmentir todos os mitos e aportar información con rigor científico e actual no mundo da alimentación saudable”.
Iria González é dietista-nutricionista no Centro de Saúde de Fene. Realizou o grao en Nutrición Humana e Dietética e un Máster Universitario en Condicións Xenéticas, Nutricionais e Ambientais no Crecemento e Desenvolvemento. Desde 2019 traballa como dietista-nutricionista no ámbito clínico privado. E en decembro de 2022 incorpórase ao SERGAS (CS Fene), como dietista-nutricionista, con funcións tanto na asistencia clínica como na comunitaria.