Medio Ambiente pon en marcha unha campaña informativa sobre o trampeo de velutinas
18-03-2024
Stop Vespa Velutina. Baixo este lema, comeza a campaña da Concellería de Medio Ambiente de Fene para concienciar á veciñanza sobre a importancia de iniciar nestas datas o trampeo das novas raíñas fundadoras (xa que cada raíña cazada supón un niño evitado). E nesta época, ao redor da primavera é fundamental xa que, desde principios de marzo até o mes de maio, é cando as raíñas empezan paulatinamente a espertar da súa hibernación e comezan a súa actividade.
Unha vez que se reactivan e constrúen o niño primario dispoñemos duns 40 días para capturalas xa que despois se enclaustran no niño secundario e xa non volven saír. Por desgraza, non todas saen ao mesmo tempo da invernada para capturalas. Por iso, cómpre actuar e realizar unha ampla campaña de trampeo primaveral, especialmente no rural polo risco que supoñen os niños de velutina próximos ás vivendas. Risco que é facilmente evitable se se instalan un par de trampas nas proximidades da mesma. Con esta simple medida, evítanse os niños de velutinas nun radio de 150 metros ao redor das trampas.
A velutina é un problema ambiental que nos afecta a tod@s. É unha especie invasora perigosa para o medioambiente, e que conleva un risco importante para as persoas, moito maior ca o das vespas autóctonas. As velutinas carecen de inimigos naturais e xeran centenares de nais por niño, polo que é moi difícil erradicalas.
Está demostrado que un bo trampeo reduce ata un 75 por cento o número de niños na zona. Por iso, conclúe a Concellería de Medio Ambiente de Fene, se non queres un niño de velutinas próximo á túa vivenda, pon un par de trampas na túa horta ou xardín.