Fene ultima os preparativos para celebrar unha nova edición do Encontro de Palilleiras
A cita será no Pavillón A Xunqueira de San Valentín o sábado 13 de abril, e xuntará varios centos de palilleiras procedentes de todo o País.
04-04-2024
Haberá trinta e dous postos de artesanía e materiais relacionados co tecido, así como unha exhibición de baile a cargo de May Dance Studio.
O Concello de Fene está a ultimar os preparativos para a celebración dunha nova edición do Encontro de Palilleiras, que terá lugar o próximo 13 de abril no Pavillón A Xunqueira de San Valentín. Trátase dunha cita organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo coa colaboración da AVV San Xurxo de Magalofes, do CPS de San Valentín, da SCRD Agarimo de Sillobre e da Liga de Amigos de Barallobre.
A edición deste ano volverá xuntar varios centos de palilleiras procedentes de todo o País, e as últimas prazas dispoñíbeis para participar poden reservarse chamando ao 981 492 767. Ademais, está prevista a participación de 32 postos de artesanía e materiais relacionados co tecido, que permitirán ás visitantes achegarse a coñecer o senfín de elaboracións que se poden realizar coa técnica do palillado, e tamén mercalas.
A concelleira de promoción económica e turismo de Fene, Ángeles Coira, destacou o papel do Encontro de Palilleiras “para poñer en valor o traballo das propias palilleiras -e das escolas e agrupacións- na preservación desta arte tradicional”. “É ademais unha cita que se ten consolidado como referente para recibir visitantes que procuran un turismo baseado na oferta cultural que temos en Fene”, engadiu Coira.
O Encontro de Palilleiras de Fene é pois unha visita obrigada para as persoas afeccionadas ao encaixe, bordado, calceta, patchwork e outras técnicas relacionadas co tecido, máis tamén para o público xeral. “Merece moito a pena presenciar en directo como traballan as palilleiras para transformar o fío en auténticas obras de arte”, apuntou a concelleira.
Ao longo da xornada tamén haberá tempo para a animación, cunha exhibición de baile a cargo da Academia May Dance Studio, e sorteos de produtos cedidos tanto polas agrupacións participantes como por diferentes establecementos do comercio local fenés. Como noutras edicións, os cartos recadados doaranse a unha causa benéfica, nesta edición a favor da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG).
Axenda da xornada
A xornada iniciarase ás 10.30h coa recepción das participantes, para dar paso á presentación oficial, que decorrerá contra as 11.30h. Ás 12.30h terá lugar a exhibición de baile a cargo da Academia May Dance Studio, e tras unha pausa para xantar entre as 14.00 e as 16.00h, a xornada continuará pola tarde, coa entrega de diplomas ás participantes e os sorteos ás 18.00h. A clausura do Encontro está previsto para ás 19.00h.