O Encontro de Palilleiras celebrouse no Pavillón A Xunqueira de San Valentín, con participantes de todas as idades
Máis de 300 palilleiras de todo o País déronse cita este sábado en Fene
Unha exhibición de baile a cargo de May Dance Studio e unha feira de artesanía con trinta e dous postos relacionados co tecido completaron a programación
15-04-2024
Chegadas de diferentes puntos do País, máis de 300 palilleiras de todas as idades déronse cita este sábado en Fene nunha nova edición do Encontro de Palilleiras. O repenicar dos bolillos foi o protagonista dunha xornada que serviu para poñer en balor a arte tradicional do encaixe, e o traballo das escolas e entidades na súa preservación.
No Encontro participaron escolas de encaixe procedentes -ademais de Fene- de dezasete concellos de toda a xeografía galega (Ares, Arteixo, Burela, Cabanas, Cervo, Coirós, A Coruña, Ferrol, Neda, Narón, Oleiros, Paderne, Pontedeume, Redondela, Valdoviño, Viveiro e Xove), así como tamén trinta e dous postos de artesanía e provedores especializados en materiais para facer encaixe, bordados, calceta, patchword e outras técnicas relacionadas co tecido.
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, amosou durante a inauguración da xornada o seu orgullo porque “Fene se teña convertido nesta xornada na Capital do Encaixe”, e agradeceu “a participación e compromiso das mulleres participantes por seguir a manter este oficio tradicional, e contribuír ao seu espallamento amosándoo ao público”.
“Ademais de servir para que moitas persoas veñan pasar o día a Fene, encontros coma este favorecen a visibilización da arte de palillar, e fan que moitas persoas descubran esta forma de tecer”, salientou a concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira. A concelleira tamén destacou que “resulta moi satisfactorio ver persoas de diferentes idades traballando e aprendendo xuntas”.
Máis aló das tarefas vencelladas ao tecido, no Encontro realizouse unha exhibición de baile a cargo da Academia May Dance Studio, e sorteos de produtos cedidos tanto polas agrupacións participantes como por diferentes establecementos do comercio local fenés. Como noutras edicións, os cartos recadados doaranse a unha causa benéfica, nesta edición a favor da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG).
Na súa organización, ademais da área de promoción económica e turismo do Concello de Fene, participaron a AVV San Xurxo de Magalofes, o CPS de San Valentín, a SCRD Agarimo de Sillobre e a Liga de Amigos de Barallobre.