A cofradía de Barallobre promociona os productos da ría en distintas feiras internacionais de alimentación

A cofradía de Barallobre promociona os productos da ría en distintas feiras internacionais de alimentación

A confraría de pescadores “Santiago Apóstol”de Barallobre seguindo coa súa liña de traballo de posta en valor e promoción dos produtos da ría, estará presente hoxe 22 de Abril na Feira Gourmets que se celebrará en Ifema en Madrid e os días 23 e 24 de abril na Feira Seafood que se celebra en Barcelona.

Hoxe luns, na Feira Gourmets  en colaboración coa Federación Nacional de Asociacións de Empresarios Detallistas de Peixes e Produtos conxelados (FEDEPESCA), e na caseta de Alimentos de España do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Patrón Maior, Jorge López Pena, deu un relatorio sobre as diferenzas entre as ameixas, Japónica, Babosa e Fina. A continuación o Mestre peixeiro, Lorenzo Cabezas, do Cantil de Madrid dirixiu as tres elaboracións distintas destes bivalvos para servir as degustacións a todos os presentes co fin de saber diferenciar as distintas especies, aproveitar o potencial e destacar a gran calidade destes produtos da nosa ría.

Os días 23 e 24 os representantes da Confraría de Barallobre estarán na Feira Seafood en Barcelona, onde o día 23 manterán varias reunións comerciais con empresas e asociacións de hostalería, e o día 24 presentará os produtos da ría na caseta de Alimentos de España do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación en colaboración coa Federación Nacional de Confrarías de Pescadores.


A Confraría de Barallobre, que se atopa na celebración dos seus 100 anos de vida, no seu camiño de seguir facendo historia, está a facer unha aposta decidida en promocionar e poñer en valor non soamente os produtos da Ría, senón tamén ensinar e mostrar o gran traballo que desenvolven as persoas do mar que se dedican ás distintas artes do marisqueo, comprometéndose coa recuperación e mantemento das áreas de traballo, buscando solucións ás distintas problemáticas polas que atravesa o sector, co obxectivo de que siga sendo un motor económico na zona.

A asistencia e participación nestes eventos está enmarcada dentro do programa de actividades e eventos que a confraría ten deseñado para este ano, en colaboración e co financiamento por parte do Grupo de Acción Local Pesqueiro GOLFO ARTABRO NORTE e a Consellería do Mar.

Segundo as declaracións do Patrón Maior Jorge López: “Imos participar nestes 2 eventos os cales nos dan a posibilidade de mostrar a variedade dos produtos da nosa Ría e ao mesmo tempo dannos a oportunidade de dar a coñecer as calidades e sabor de cada un deles nas distintas degustacións que se fan nas 2 Feiras, ademais de ter a posibilidade de aumentar a carteira de clientes realizando vendas ao consumidor final revalorizándoo e dándolle un maior valor ao produto para así poder mellorar a renda dos soci@s da Confraría. Os produtos que imos levar a Madrid son: Ameixa Fina, Ameixa xapónica, ameixa babosa, e a Barcelona á Seafood levará todo tipo de variedade de especies que temos na entidade.

Por último, terminar ofrecéndonos ás distintas institucións a colaborar en toda a materia que sexa da nosa competencia para buscar solucións aos problemas do sector e seguir avanzando en sistemas e estratexias que melloren tanto o medio mariño como o terrestre, para garantir o futuro das especies e tamén de todos os traballadores e familias que dependen deste sector”.