A Confraría de Barallobre estará presente en Expovacaciones 2024
10-05-2024

A Confraría de Pescadores Santiago Apostol de Barallobre participará na Feira Expovacaciones que se celebrarará no Bilbao Exhibition Centre do 10 ao 12 de Mayo, presentando os produtos marisqueiros da ría dentro da sección de gastronomía representativa. Nesta ocasión, a confraría fenesa, que se atopa na celebración dos seus 100 anos de vida, estará presente cun espazo expositivo dos produtos da entidade dentro da caseta da Deputación da Coruña, ademais dentro da iniciativa de valoración da calidade dos seus moluscos tamén se realizarán dous showcookings diarios, con degustación de zamburiñas, vieiras e navallas.
A participación nesta feira "proporcionará o coñecer e incrementar a comercialización dos produtos marisqueiros que temos na nosa ría noutras zonas de España, non soamente cara ao consumidor final senón tamén cara a comercializadores e restauradores".
A participación nesta Feira, dentro do apartado Saborea Expovacaciones, está enmarcada dentro do programa de actividades e eventos que a confraría ten deseñado para este ano, en colaboración e co financiamento do Grupo de Acción Local Pesqueiro GOLFO ARTABRO NORTE. O obxectivo destas actividades é dar a coñecer o traballo da confraría e de todos os seus asociados, poñer en valor o
sector primario vinculado ao mar e ao mesmo tempo, achegar e promover as variedades de mariscos que temos na nosa contorna, como produto de gran calidade.
O Patrón Maior Jorge López expón: “Esta actividade é froito da iniciativa da Confraría de dar a coñecer os seus produtos e de promocionalos dando a coñecer a gran calidade e variedade dos mesmos que temos na nosa Ría de Ferrol que no seu día foi a máis rica en produción de ameixa babosa e que agora ten que apostar pola diversificación das capturas para poder continuar o seu labor. Nesta ocasión iremos con 3 especies como son a Zamburiña, a Vieira e a Navalla, apostando nestas dúas últimas pola comercialización tamén en conxelado para desestacionalizar a venda do produto e poder manter un bo prezo en campaña, demostrando que se manteñen moi ben as súas calidades organolépticas".
Sobre a zamburiña resalta "que estamos a empezar a campaña na Ría e este ano lamentablemente está a ser peor que o ano pasado debido á mortaldade sufrida pola forte choiva de finais de ano e estase notando no prezo en lonxa".
Por último, salienta que "nos ofrecemos ás institucións e administracións públicas a colaborar en toda a materia que sexa da súa competencia para buscar solucións aos problemas do sector e seguir avanzando en sistemas e estratexias que melloren tanto o medio mariño como o terrestre, para garantir o futuro das especies e tamén de todos os traballadores e familias que dependen deste sector”.