17 maio, Día das letras Galegas
17-05-2024
Luísa Villalta Gómez, escritora e violinista que destacou pola forza da súa voz e polo seu compromiso social (A Coruña, 1957-2004). Dedicou parte da súa vida profesional á docencia da Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario. Era tamén titulada superior en violín. Formou parte da Xove Orquestra de Galicia e da Orquestra de Santiago de Compostela.
Foi unha escritora prolífica e versátil, autora de poesía, narrativa, ensaios, pezas dramáticas e textos xornalísticos en lingua galega. A súa escrita foi premiada varias veces: no certame de relatos curtos Modesto R. Figueirido (1990), por A taberna do holandés; no XIII Premio Espiral Maior (2004), polo seu poemario En concreto; postumamente, recibiu o Premio da Crítica Galega á Creación Literaria (2005) tamén por En concreto, etc.
A súa experiencia musical, sen dúbida, influíu na súa creación literaria. Diso deixou constancia no ensaio O outro lado da música, a poesía (1999) e en artigos como A Música e Nós (2002), Poética: Sobre un certo estado de conciencia (2002) ou A língua dos sons (2003), onde fala da relación entre a palabra e a música e da súa experiencia persoal nos momentos de creación.
Paralelamente á súa traxectoria como autora, desenvolveu unha intensa actividade cultural. Participou en seminarios, en recitais de poesía, deu conferencias e colaborou nunha chea de publicacións periódicas, como Man Común, A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada, Tempos Novos, Grial, Luzes de Galiza, Agália, Boletín Galego de Literatura, A Trabe de Ouro, Enclave, Página abierta, etc. En moitas destas colaboracións podemos percibir a personalidade de Luísa Villalta e a súa consciencia social, de modo particular nos artigos publicados entre os anos 2002 e 2004 en A Nosa Terra, compilados no Libro das colunas (2005). Sensíbel e contundente, puña en evidencia a hipocrisía política, denunciaba os valores e a apatía dunha sociedade ferozmente capitalista ou criticaba os responsábeis dos desarranxos sociais, sempre do lado das persoas máis desfavorecidas e nun ton construtivo.
Seguramente foi a súa sede de xustiza, a súa sede de sermos un país avanzado, un país culto, o que a levou a implicarse socialmente: formou parte da directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coordinou a área de revisión histórica e análise crítica da cultura no Foro da Cultura Galega, participou no Foro Negro, foi membro activo da Mesa pola Normalización Lingüística e comprometeuse en favor dos dereitos lingüísticos do pobo galego.
Na súa obra tamén estivo presente a consciencia de ser muller, de vivir nunha sociedade onde os homes e as mulleres están marcados de maneira moi diferente polo feito de selo. Así, equiparou Isto é poesía, un ruído provocado. […] Isto é tamén unha muller que resiste, e así, no seu poemario Papagaio –entre imaxes tomadas no transcurso da demolición deste barrio da Coruña coñecido pola prostitución–, os seus textos fálannos da vida das putas, empregando esta palabra sen rubores e con toda a dignidade.
A morte chegou para Luísa Villalta dun modo inesperado o 6 de marzo de 2004.
Para coñecer máis polo miúdo a historia da autora homenaxeada neste 2024 entrade nos recursos achegados a esta nova. Felíz día.