Os areais de Río Castro, Almieiras, Coído e Río Sandeo xa contan con boias que delimitan a zona de baño
O Concello de Fene inicia os preparativos das praias para o período estival
Os traballos de limpeza e acondicionamento dos areais comezarán de forma inminente
30-05-2024
O Concello de Fene comezou os preparativos dos areais para o período estival, coa colocación das boias que delimitan o espazo reservado para o baño nas praias de Almieiras, Coído e Río Sandeo. Un peche que suma preto dun quilómetro de costa e ofrece unha banda de até 70 metros mar adentro para que as e os bañistas poidan desfrutar destes espazos en condicións de seguridade.
O uso das zonas próximas a estes areais por embarcacións de recreo e para a práctica de actividades e deportes náuticos (como vela, canoas ou motos de auga) é ben coñecido, xa que pola súa situación e condicións de resgardo, resultan apropiados para ilo. Porén, isto implica tamén extremar as precaución para mellorar a convivencia entre estas actividades e o baño de forma segura.
A concelleira de medio ambiente, María del Carmen Martínez sinalou que, como en anos anteriores, “deixouse unha canle no extremo de Río Sandeo de uso exclusivo para o acceso de embarcacións e outros artefactos flotantes”, de forma que estes poidan entrar o saír á terra por esa zona a unha velocidade máxima de 3 nós. Desde o Concello de Fene lembran que nesta zona de circulación non está permitido o fondeo nin tampouco o baño, aínda que non estea a ser usado por ningunha embarcación.
Limpeza dos areais
O Concello de Fene ultima tamén os preparativos para a limpeza e adecuación das praias, non só das situadas nas ría de Ares, senón tamén outras como as de San Valentín e Maniños, que nos últimos anos foron gañando recoñecemento, especialmente pola veciñanza desas zonas.
Asemade, nos próximos días levaranse a cabo tarefas de mantemento nas parcelas situadas nas inmediacións dos areais de Río Sandeo e Coído que o departamento de Urbanismo, dirixido por Manuel Polo, acondicionou para dar a cabida a uns 100 vehículos.
Tarefas subvencionadas pola Deputación da Coruña.