O Concello de Fene “apágase” para concienciar sobre o cambio climático

O Concello de Fene “apágase” para concienciar sobre o cambio climático

A acción convocada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no Día do Medio Ambiente encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’

O concello de Fene xunto con outros 18 concellos e dúas deputacións, todos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade uniranse o vindeiro mércores, 5 de xuño, ao “apagón” convocado pola entidade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano se centra nos ecosistemas terrestres. A partir das 23 horas, suspenderase a iluminación pública de consistorios, prazas, torres e outros monumentos co fin de concienciar ademais sobre o consumo de enerxía. A acción encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático.

Aínda que o consumo eléctrico en Galicia caeu un 16% no ano 2022, segue a ser un tema preocupante na actualidade, polo seu impacto ecolóxico pero tamén na economía das familias, de aí que cumpra continuar fomentando o aforro de enerxía, sen deixar de lado a visión crítica sobre os actuais sistemas de produción.

Tanto as institucións como a cidadanía poden tomar medidas neste senso, como empregar o transporte público ou a bicicleta, elixir aparellos de baixo consumo, programar unha temperatura racional nos espazos pechados, encher ben a lavadora e o lavalouza ou apagar as luces e dispositivos como o ordenador cando non os utilicemos. En xeral, consumir menos e facelo dun xeito responsable contribúe a combater a emerxencia climática e, polo tanto, a manter o quecemento global por debaixo de 1,5°C neste século, o máximo aceptable para evitar consecuencias irreversibles sobre a vida do planeta e das persoas.

O “apagón ambiental” proposto polo Fondo Galego é unha das máis de 70 actividades que se están a impulsar nos concellos socios dentro do proxecto ‘People and Planet’, que van desde accións de rúa como a comunicación de guerrilla e a performance ata obradoiros de cociña sustentable, debuxo urbano, exposicións virtuais, concursos, etc. Ademais, neste marco púxose en marcha en oito países a campaña ‘Water of the future’, co fin de situar na axenda pública a problemática da escaseza de auga a nivel global e as súas graves consecuencias, así como fomentar hábitos sostibles cos que contribuír a mitigar esta situación.


#PeopleAndPlanet
O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ busca concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, reforza tamén aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 17 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 108 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 25 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.