O alcalde, Juventino Trigo, e o concelleiro de obras, Manuel Polo, revisaron as actuacións para avaliar a súa execución
O Concello de Fene remata as obras de mellora do camiño do Castelo e Estrada de Laraxe
O Concello de Fene investiu nestas actuacións 144.600 €, con cargo ao POS+ Adicional 2/2022 da Deputación da Coruña
05-06-2024
O Concello de Fene vén de rematar as obras de mellora no Camiño do Castelo e Estrada de Laraxe, unhas actuacións que viñan sendo moi demandadas pola veciñanza da zona polo avanzado estado de deterioro que presentaban, froito do paso do tempo e das afeccións das inclemencias meteorolóxicas.
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o concelleiro de Obras, Manuel Polo, visitaron a zona para facer unha valoración do resultado destes traballos, desde onde destacaron “a mellora substancial nos accesos ás vivendas e en materia de seguridade para a circulación de persoas e vehículos”.
No Camiño do Castelo, que parte da estrada autonómica AC-122 e chega ao cruce coa Estrada de Laraxe, as actuacións consistiron na substitución das tubaxes de abastecemento de auga potábel por novos tubos de polietileno de alta densidade, a renovación da rede de augas fecais, e a mellora da capa de rodaxe e a súa drenaxe. Neste senso, o primeiro treito do camiño -uns 90 metros que dan acceso a diversas vivendas e que teñen un ancho irregular que vai dos 4 aos 12 metros- realizouse en formigón, mentres que a segunda parte -duns 400 metros de longo cun ancho medio de 3,30 metros- executouse en rego asfáltico.
A segunda parte desta actuación corresponde á Estrada de Laraxe, onde se procedeu a renovar a imprimación asfáltica, partindo desde o cruce do Camiño do Castelo até a Igrexa de Santa Baia de Limodre. Trátase dun treito duns 300 metros, cun ancho medio variábel duns 4,60 metros.
Estas obras foron licitadas en 144.600 euros, un investimento que o Concello de Fene realiza con cargo ao POS+ Adicional 2/2022 da Deputación da Coruña.
Outras actuacións previstas
O departamento de obras do Concello e Fene ten en marcha outras actuacións de gran relevancia, como a mellora do camiño no entorno do campo de Fútbol de Perlío e Camiño de Loira, cun investimento de 41.178,88 €; a reurbanización da rúa Antonia Montero, por 178.456,43 €; o Camiño Grande - O Cotillón, A Fraga e O Sino, cun orzamento de 103.144,83 €, e a primeira fase da nova Área Recreativa de San Valentín, na que se investirán 50.186,29 €.