Fene leva as súas propostas turísticas ao Primavera no Camiño Inglés

Fene leva as súas propostas turísticas ao Primavera no Camiño Inglés

A actuación da Banda Xuvenil de Airiños de Fene abrirá esta edición da Primavera no Camiño Inglés, na que tamén se cociñarán vieiras da Confraría de Barallobre

O Concello de Fene participará este sábado, 22 de xuño, nunha nova edición do “Primavera no Camiño Inglés”. O evento, organizado pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, decorrerá nesta ocasión nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, entre as 11 e as 20h.

As persoas que se acheguen até o posto do Concello de Fene na feira atoparán información turística sobre as actividades e propostas do territorio, como o Museo do Humor -representado cunha monografía orixinal de Xaquín Marín-, o Encontro de Lavandeiras ou o Perla Mural Fest, entre outros.

Ademais, o Concello de Fene colabora con actividades que se irán desenvolvendo ao longo do día nos diferentes espazos do Primavera no Camiño. Nesta liña, o programa de espectáculos desta feira de promoción turística abrirase coa actuación, ás 11.45h, da Banda Xuvenil Airiños de Fene, mentres que a Confraría de Barallobre desenvolverá un showcooking sobre cociñado de vieiras entre as 11.45h e as 12.30h no espazo gastronómico.

“Fene ten moito por ofrecer, e as persoas que chegan ao noso concello percorrendo o Camiño Inglés teñen unha oportunidade única de descubrir a nosa gastronomía e a gran oferta cultural e de natureza que temos no noso concello”, apuntou a concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira, quen convidou ás persoas que se acheguen ao Primavera a visitar o posto de información de Fene.

Descargas