O Concello de Fene celebrará a diversidade na Semana do Orgullo
19-06-2024
Entre o 24 e o 28 de xuño divulgaranse pílulas informativas a través de Radio Fene, e durante toda a semana ondearán na Praza do Concello as bandeiras da diversidade
O Concello de Fene, a través da área de igualdade, vén de presentar a axenda de actividades coa que celebrará a Semana da Diversidade Afectivo Sexual, arredor da conmemoración do Día do Orgullo LGBTIQ+ (28 de xuño).
Co obxectivo de dar visibilidade a esta xornada reivindicativa, o Concello de Fene pendurará na Praza do Concello as sete bandeiras que representan aos colectivos gai, lésbico, transxénero, bisexual, asexual, pansexual e intersexual durante toda a semana.
Ademais, organizouse a divulgación de catro pílulas informativas a través de Radio Fene, que se emitirán ás 11h entre o luns 24 e o xoves 27 de xuño. Comezarán o luns cunha introdución aos conceptos básicos con Bruno Fuertes; e o martes será a quenda da Asociación ALAS. A Cooperativa Aventeira intervirá o mércores e, por último, a Marcha Mundial das Mulleres pechará o ciclo o xoves.
Xa no propio día 28, ás 11h, darase lectura radiofónica do manifesto do Día do Orgullo, e entre as 12 e as 14h, soará na Praza do Concello música icónica do orgullo.
“Entre todas estamos a construír un Concello aberto a todas as formas de ser, sentirse e de amar”, apuntou a concelleira de igualdade, Sandra Permuy, quen tamén animou á veciñanza fenesa a “sumarse a esta xornada reivindicativa pola diversidade”.