11 mulleres de Fene melloran a súa empregabilidade nunha nova edición do Plan Integrado de Emprego (PIE)
26-06-2024
O programa está promovido pola Mancomunidade de Concellos de Ferrol, en colaboración con diferentes concellos da comarca, entre eles Fene
Once (11) mulleres de Fene participan nunha nova edición do Plan Integrado de Emprego (PIE) promovido pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, da que forma parte o Concello de Fene. Trátase dun programa de 12 meses de duración dirixido a mulleres en situación de desemprego, e cuxo principal obxectivo é mellorar a súa empregabilidade e inserción laboral.
Das once (11) mulleres fenesas que participan nesta edición, seis (6) xa teñen rematado algún dos itinerarios formativos dos ofertados (unha completou dous diferentes). Ademais unha delas está a cursar actualmente a formación en Xestión de Comunidades Virtuais, un itinerario no que se combinan 100 horas de formación teórico-práctica en aula con prácticas en empresas.
A concelleira de formación e emprego, Cristina García, destacou o éxito do programa, que “nesta edición ten contribuído a que a metade das mulleres de Fene que xa completaron algún dos itinerarios fosen contratadas”. Tres delas permanecen contratadas na actualidade -unha na propia empresa na que realizou as prácticas de Peixaría- e outra participante estivo contratada de maneira puntual durante o transcurso do programa. García adiantou tamén que o Concello de Fene “acollerá en prácticas nas próximas semanas a varias estudantes do itinerario de Xestión de Comunidades Virtuais”.
Durante o transcurso do Programa, o Concello de Fene tamén puxo a disposición da Mancomunidade espazos para o desenvolvemento das accións formativas. Neles desenvolvéronse dúas das especialidades de formación transversal ofrecidas no PIE, a de “Técnicas de busca de emprego” e a de “Habelencias sociais: comunicación, intelixencia emocional e traballo en equipo”.
Sobre o Programa Integrado de Emprego
O Programa está financiado pola Consellaría de Emprego, Comercio e Inmigración e polo Ministerio de Traballo e Economía Social. Ten por obxecto mellorar a empregabilidade de 100 mulleres desempregadas veciñas dos oito concellos participantes (Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño), das cales 68 que xa completaron algunha acción formativa.
Na actualidade, 14 están a cursar formación específica presencial na especialidade de “Xestión de comunidades virtuais” e 21 están a cursar formación en liña (nos itinerarios de Ofimática; Inglés; Atención ao público; Igualdade; ou Manipulación de alimentos).
9 mulleres completaron as prácticas no itinerario de Peixaría -das cales dúas foron contratadas nas propias empresas- e 20 están a realizalas actualmente, nos itinerarios de Cociña, Limpeza industrial, Peixaría e Agricultura Ecolóxica. Un total de 15 participantes causaron alta na Seguridade Social -tanto por conta propia como allea- desde que están no programa, e outras 3 tiveron contratacións temporais.