O Concello de Fene traballa na recuperación de camiños reais e pistas forestais
28-06-2024
A área de Servizos iniciou en Barallobre os traballos de roza e acondicionamento do firme neste tipo de camiños, que se estenderán ao resto de parroquias
O Concello de Fene, a través da área de Servizos, iniciou os traballos de recuperación de camiños reais e pistas forestais nas distintas parroquias. Estas tarefas inclúen rozas de maleza e o acondicionamento do firme mediante o uso dunha retroescavadora e a aportación de grava, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e seguridade nestas vías.
A concelleira de Servizos, Sandra Permuy, destacou a importancia destas tarefas “para a conservación e posta en valor destas infraestruturas rurais, así como para a preservación do noso medio natural e a prevención de incendios”. Permuy tamén salientou que a recuperación destes camiños “é unha das principais demandas da veciñanza destas zonas, á que estamos a dar resposta desde o goberno local”.
As labores comezaron na parroquia de Barallobre, onde o persoal municipal está a executar as primeiras intervencións. Ao remate destas, prevese que estes traballos continúen gradualmente ao resto de parroquias do concello, beneficiando ao conxunto da veciñanza fenesa.
Con estes traballos, o Concello de Fene reafirma o seu compromiso co desenvolvemento sostíbel e a mellora da calidade de vida, asegurando que tanto os camiños reais como as pistas forestais estean en boas condicións para o seu uso diario.