O alcalde de Fene, Juventino Trigo, asegurou que a proposta de suba do canon de SOGAMA é unha decisión “arbitraria, contraditoria e de dubidosa legalidade”
O Concello de Fene denuncia a situación crítica de SOGAMA e a suba do canon
03-07-2024
Instalacións de Sogama en San Román (A Coruña)
O Goberno municipal de Fene vén de expresar a súa máis rotunda oposición á recente proposta da Xunta de Galicia de incrementar o canon de SOGAMA. Unha medida que afectará a 118 concellos de todo o país, e considerada arbitraria, contraditoria e de dubidosa legalidade.
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, amosouse contundente na súa crítica: “Esta suba do canon é unha mostra máis da mala xestión de SOGAMA e o seu modelo obsoleto”, e sinalou que “a Xunta quere obriga aos concellos a pagar as consecuencias dunha administración que ignorou sistematicamente as alternativas sostíbeis”. “Non podemos permitir que se impoñan estes custes adicionais na nosa veciñanza”, engadiu Trigo.
Arbitrariedade e contrariedades na decisión
A medida da aumento do canon aplicarase só a certos concellos, sen unha xustificación clara, e contradí as bonificacións previas do 15% outorgadas pola recollida separada de biorresiduos. Asemade, tamén habería que modificar a lei pola que se aprobou a bonificación do 15%, algo que até o de agora non se fixo.
O rexedor fenés cuestionou a legalidade desta decisión, tamén a nivel local. “Preguntámonos como se pretende modificar a lei para xustificar esta suba e como se espera que os concellos, que xa temos as nosas ordenanzas fiscais aprobadas, repercutamos estes novos custes nos recibos das veciñas e veciños”, indicou Trigo.
Causas da crise financeira de SOGAMA e afectación os concellos
Para o goberno de Fene, a verdadeira causa do aumento do canon radica no “burato financeiro de SOGAMA”, provocado por unha mala xestión e un modelo centralizado e contaminante baseado na incineración do lixo. “A Xunta apostou por un sistema penalizado pola normativa europea e a nova lei de residuos, e agora pretenden que sexamos os concellos os que paguemos a súa falta de visión e xestión eficiente”, afirmou o alcalde fenés.
Para Trigo, o impacto desta suba será significativo, xa que os concellos terán dificultades para repercutir estes custes nas taxas municipais, creando un problema financeiro difícil de xestionar.
Proposta dun novo modelo de xestión de residuos
O Concello de Fene traballará, xunto con outros concellos afectados, na defensa dun novo modelo de xestión de residuos baseado na prevención, separación, reutilización e reciclaxe. “A Xunta debe asumir a necesidade dun cambio de modelo e colaborar cos concellos para a súa implementación. Non podemos seguir a soportar un sistema que non só é custoso, senón que tamén resulta ineficiente e prexudicial para o medio ambiente”, concluíu Juventino Trigo.