O Concello de Fene e a empresa encargada da revisión do PXOM acordaron cancelar o contrato de mutuo acordo debido á súa obsolescencia
Fene avanza na revisión do PXOM para adaptalo ás novas necesidades
A área de Urbanismo traballa na redacción dos pregos técnicos e administrativos para licitar a revisión do PXOM
04-07-2024
O Concello de Fene está a dar importantes pasos na revisión do seu Plan de Ordenación Municipal (PXOM). Desde o ano 2020 leváronse a cabo varias modificacións urxentes, incluíndo a revisión de cinco núcleos rurais -tres en Magalofes, unha en Sillobre e unha en Maniños- así como un estudo de detalle no Camiño do Regueiro, para aliñar o PXOM coa realidade actual do concello.
O concelleiro de Urbanismo, Manuel Polo, destacou tamén o investimento de 25.000 euros para actualizar a cartografía municipal. “Dotámonos así dunha ferramenta imprescindíbel para levar a cabo a revisión do PXOM sobre unha base sólida e acorde coa realidade actual”, apuntou Polo.
Recentemente, o Concello de Fene e a empresa encargada da revisión do PXOM, ARQYUR S.C., acordaron cancelar o contrato de mutuo acordo debido á súa obsolescencia. “O contrato, que databa do 2010, estaba totalmente desfasado debido aos cambios lexislativos e normativos que tiveron lugar desde entón”, explicou Polo.
Malia esta cancelación, o Concello mantivo diversas reunións coa Dirección Xeral de Urbanismo, asegurando a subvención para revisión do PXOM, que ascende a algo máis de 85.000 euros. “Agora procederemos á redacción dos pregos técnicos e administrativos para licitar novamente a revisión do PXOM”, asegurou Manuel Polo, quen tamén destacou “o compromiso do goberno local para atender ás demandas da veciñanza e acadar un amplo consenso político e social no proceso”.
O retraso na revisión do PXOM estivo provocado por varios factores, entre eles os cambios lexislativos do 2016 e a inestabilidade política do Concello entre 2015 e 2020. “Agora é o momento axeitado para encamiñar estes traballos, e iso é o que estamos facer”, asegurou Polo.
O Concello de Fene asegurará na revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal un desenvolvemento urbanístico sostíbel e ordenado, aliñado cos ODS da Axenda 2030. “Debemos ter en conta os cambios culturais que vimos observando nos últimos anos, nos que se a sociedade tende a optar por vivendas individuais de pequeno ou tamaño medio con espazo libre, e sen perder de vista a crise inmobiliaria, que obriga aos poderes públicos a pensar nun crecemento sostíbel”, concluíu o concelleiro.