A Escola de Hábitos Saudables aborda as claves para desfrutar do verán seguindo unha alimentación saudable
15-07-2024
A Casa da Cultura de Fene acollerá este mércores 17 de xullo, ás 12 horas, a quinta sesión da “Escola de Hábitos Saudables” que organizan o Centro de Saúde de Fene e as Unidades de Apoio Nutricional de Atención Primaria en Ferrol, coa colaboración do Concello de Fene. Nesta nova cita, a dietista-nutricionista do Centro de Saúde de Fene Iria González falará sobre Recomendacións para desfrutar do verán seguindo unha alimentación saudable. A entrada ao acto será libre e de balde até completar o aforo.
A chegada do Verán adoita provocar unha gran revolución; cambio nos horarios, aumento nas comidas de ocio e menos tempo adicado a cociñar. Nesta época soe ser habitual escoitar falar da famosa "Operación bikini", unha moda relacionada con dietas restritivas e milagre para baixar de peso en pouco tempo, as cales soen xerar un efecto rebote. Tendo en conta que o obxectivo é mellorar a saúde a medio - longo prazo, recoméndase realizar un cambio de hábitos, duradeiro no tempo. Isto é posible tamén no Verán, tendo en conta a importancia da flexibilidade nun estilo de vida saudable.
Na charla da Escola de Hábitos Saudables deste mércores tratarase un tema moi importante, “a base dunha alimentación saudable, con recomendacións específicas para este época do ano, incluíndo alimentos de tempada e receitas de preparacións saudables e saborosas típicas do Verán, sen esquecer o consumo de legumes e unha boa hidratación. Amais das recomendacións para o control das comidas sociais".
A nutrición como calquera ciencia avanza, polo que é moi importante estar actualizados e achegar información con evidencia científica. Por iso, o obxectivo da Escola de Hábitos Saudables é “desmentir todos os mitos e aportar información con rigor científico e actual no mundo da alimentación saudable”.
Iria González é dietista-nutricionista no Centro de Saúde de Fene. Realizou o grao en Nutrición Humana e Dietética e un Máster Universitario en Condicións Xenéticas, Nutricionais e Ambientais no Crecemento e Desenvolvemento. Desde 2019 traballa como dietista-nutricionista no ámbito clínico privado. E en decembro de 2022 incorpórase ao SERGAS (CS Fene), como dietista-nutricionista, con funcións tanto na asistencia clínica como na comunitaria.